A Xunta de Galicia entrega os premios de 'Lingua de namorar', o certame que promove as mensaxes de amor en galego entre a mocidade
O secretario xeral de Política Lingüística e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado entregan os galardóns aos premiados da duodécima edición
Na categoría A, de 14 a 19 anos, foron premiados a ourensá Alba Guzmán Falcón, o coruñés Santiago Sánchez Vilarino e a pantonesa Carla López Otero
Na categoría B, de 20 a 35 anos, os premios foron para Eva González Blanco, de Lalín; Clara Pérez Martínez, da Bola, e Andrea López Otero, de Pantón
Na modalidade de Instagram, que abrangue dos 14 aos 35 anos, a mensaxe mellor valorada polos usuarios da rede social foi a da ourensá Iria Cebreiros Trigo
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participaron esta mañá no acto de entrega dos premios aos gañadores da duodécima edición de Lingua de namorar
Foto: X.G.
Infogauda / Santiago de Compostela
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participaron esta mañá no acto de entrega dos premios aos gañadores da duodécima edición de Lingua de namorar, o certame en liña impulsado pola Xunta que promove a creación de mensaxes de amor en galego entre a mocidade.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades deulles os parabéns aos gañadores e animounos a todos “a continuar empregando o galego para relacionarse coas persoas máis próximas e para comunicarse na rede” e lembroulles que a Xunta de Galicia “traballa, xunto con outras entidades galegas, no Proxecto Nós, que está destinado a fornecernos de ferramentas que nos permitan interactuar coa tecnoloxía en galego ao mesmo nivel ca nas linguas do mundo con maior número de falantes”.
Premios nas categorías A e B
Na primeira categoría de idade (categoría A, de 14 a 19 anos) recolleu o seu galardón a pantonesa Carla López Otero, terceiro premio pola declaración de amor titulada Translúcidas chinas. Non puideron asistir para recoller o segundo e o primeiro premio, respectivamente, o coruñés Santiago Sánchez Vilarino, galardoado pola mensaxe Distancia, e a ourensá Alba Guzmán, premiada pola súa mensaxe Chover ten que chover.
Doutra banda, na categoría B (de 20 a 35 anos) recibiron os seus galardóns a lalinense Eva González Blanco, primeiro premio pola mensaxe Áncora; Clara Pérez Martínez, da Bola, segundo premio pola composición Morriñada, e Andrea López Otero, de Pantón, terceiro premio polo poema Entre as cinzas.
Os dous primeiros premiados de cada unha destas categorías reciben unha tableta, os segundos un libro electrónico e os terceiros uns cascos sen fíos. Ademais, recollen un lote de libros e un diploma acreditativo do certame.
Categoría de Instagram
Na modalidade de Instagram, que abrangue dos 14 aos 35 anos, a mensaxe mellor valorada na rede social entre as seis preseleccionadas polo xurado foi #Aartedoboquerer, da ourensá Iria Cebreiros Trigo, que recibiu tamén unha tableta, así como un lote de libros e un diploma.
Promover a creatividade en galego na mocidade
Cada ano, arredor de San Valentín, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, convocan este certame que promove o uso do galego ao tempo que permite amosar o talento literario e a creatividade da mocidade arredor do amor e das relacións persoais.

Ningún comentario:
Publicar un comentario