19 de xuño de 2023

ECONOMÍA

O inmobilismo das patronais do metal pontevedrés aboca o sector a unha nova xornada de folga polo convenio 

Coincidindo co paro previsto para este martes as centrais convocan unha manifestación en dúas columnas que rematará no IFEVI 


Cabeceira da manifestación unitaria polas rúas da cidade de Vigo, fo pasado día 15 deste mes
Foto: CIG

Infogauda / Vigo / Pontevedra

 O inmobilismo das organizacións empresariais do metal da provincia de Pontevedra á hora de negociar un convenio colectivo digno aboca o sector a unha nova xornada de folga, tras a que tivo lugar o pasado xoves 15. Coincidindo co paro que terá lugar este martes día 20, as centrais sindicais convocan unha manifestación que rematará diante do IFEVI, onde se celebra o Mindtech (unha feira internacional da industria e das tecnoloxías metalúrxicas) que organiza a patronal Asime.    

 A xornada reivindicativa iniciarase a primeira hora da mañá diante das empresas, para posteriormente desprazarse até os dous puntos dende os que ás 9:30 horas arrincarán as columnas que confluirán no IFEVI: a empresa Panelfa (avenida de Peinador, 74) e o pavillón Loureiro (camiño do Amaro, 71), nos arredores do recinto feiral. Na manifestación participarán ademais traballadores/as chegados/as tanto de Pontevedra como das comarca do Salnés e do Deza.  

 A folga segue adiante unha vez rematou sen acordo a xuntanza celebrada hoxe por iniciativa das patronais tras o éxito da primeira xornada de folga celebrada o pasado xoves día 15 e que supuxo a paralización do sector, con especial incidencia no naval. O encontro de hoxe prolongouse dende as 9:00 até as 15:00 horas e pechouse sen acordo pola negativa do empresariado a manter a cláusula de revisión salarial conforme ao IPC real, reducir a xornada anual en máis de oito horas e garantir a subrogación do persoal entre empresas privadas.  

 O secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, incide en que estas tres cuestións “son esenciais” á hora de asinar un acordo que permita desbloquear o conflito. Neste senso, lembra que no caso de que a patronal “non reconsidere a súa posición e achegue unhas propostas que permitan dignificar as condicións laborais das persoas traballadoras do sector” desenvolveranse dúas novas xornadas de folga, previstas para este mesmo xoves 22 e para o vindeiro mércores 28.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario