A COMUNIDADE DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN DE SALCIDOS ORGANIZA UNHA VISITA AO CASTRO DO PICO DA BANDEIRA
• Terá lugar o día 1 de xullo, ás 19:00 horas, desde a Casa da Comunidade, na Subida ao monte Torroso
Ricardo Rodríguez Vicente / Salcidos
A xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Salcidos, vén de facer público que organiza unha visita ao castro do Pico da Bandeira. Será o día 1 de xullo de 2023, ás 19:00 horas, con saída desde á Casa da Comunidade, situada na Subida ao Torroso, efectuando unha andaina - de dificultade media - duns 15 minutos de duración, ata o devandito castro. Cando os visitantes estén preto do xacemento arqueóloxico, o arqueólogo Benito Vilas Estévez, da empresa Árbore Arqueoloxía e Restauración Sociedade Cooperativa Galega, informará sobre ás características (cronoloxía de ocupación, sistemas defensivos, etc.), dese enclave.
Castro do Pico da Bandeira
O castro do Pico da Bandeira, no monte Torroso, localizado (Latitude: 41.9225740736 - Lonxitude: -8.8610959053) no límite entre os concellos de A Guarda e O Rosal, foi escavado a inicios do século XX pola Sociedad Pro-Monte Santa Tecla.
Nese xacemento arqueolóxico (Código no Catálogo da Xunta de Galicia: GA-36023005) apareceron diversos fragmentos de cerámicas, trisqueles, obxectos líticos e outras pezas de valor dos que nestes momentos non se coñece o seu paradoiro ou que están mesturados cos restos doutros lugares. Por iso, tras a limpeza da zona promovida pola Comunidade de Monte Veciñais en Man Común da parroquia de Salcidos, en colaboración coa súa homóloga de Santa Mariña do Rosal hai tres anos, que permitiu documentar os restos dunha vivenda en superficie; o Concello rosaleiro promoveu no verán de 2022 unha pequena escavación de 12 metros cadrados no entrono da muralla “para coñecer o seu estado de conservación e potencial, así como para descubrir máis datos sobre a época deste castro e sobre as súas xentes”.
Ademais desta actuación, tamén se poñerá en valor un petróglifo - reticulado - situado a escasos metros do castro, que podería ser cronolóxicamente anterior á época da Idade do Ferro.
Asemade relembramos que a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos promoveu en 2021, unha actuación para á limpeza, sinalización e posta en valor do Castro do Pico da Bandeira.
Os traballos foron dirixidos por Benito Vilas Estévez, presidente de Árbore Arqueoloxía e Restauración Sociedade Cooperativa Galega, e realizados por persoal desa empresa. Básicamente consistiron en labores de desbroce e retirada de árbores, piñeiros, maioritariamente. E a continuación viu á sinalización e a conseguinte posta en valor do castro.
A preguntas deste cronista un membro de Árbore Arqueoloxía e Restauración Sociedade Cooperativa Galega referiunos que "non se escavou nin nada de momento. Ainda que se prevé no futuro cun pouco sorte poder escavar unha casiña que apareceu durante as tarefas".
Para orientar aos visitantes, de xeito que súa estadía sexa o máis proveitosa, cultural e patrimonialmente, foi instalado un panel no que figura a seguinte información:
"O castro do Pico da Bandeira é un castro de grandes dimensións con enormes murallas, fosos e parapetos, de aproximadamente 6 hectáreas e que controla o val de Salcidos e o esteiro do río Miño dende o Norte, sendo visible ó Sur o famoso Castro de Santa Trega. O castro, ten forma de “globo” e presenta distintas terrazas, situándose na parte superior do mesmo (ó Noroeste) a principal que sería a croa. O Castro atópase maioritariamente no territorio da Parroquia de Salcidos do Concello da Guarda, en terreos da Comunidade de Montes de Salcidos. Unha pequena parte do mesmo sitúase no Concello do Rosal, en terreos da Comunidade de Montes do Rosal.
Realizáronse no pasado Intervencións arqueolóxicas por parte da “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla” durante a década dos anos 20 do século XX, pero a falta de estudos científicos sobre os seus achados e a falta de escavacións máis recentes non permiten fixar unha cronoloxía para o mesmo. Sen embargo, teñen aparecido restos de tégula e algúns outros materiais de época romana, que apuntan a que puido estar habitado, cando menos, no cambio de era.
A Comunidade de Montes de Salcidos foi a promotora dos recentes traballos de adecuación de gran parte do castro (preto de 3,5 hectáreas), que consistiron na roza e corta de árbores do seu interior coa fin de comezar as labores de posta e valor.
Durante estes traballos foi localizado un pequeno muro curvo, que pertencería ós restos dunha vivenda, nun dos lugares nos que probablemente actuou a “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla”. No interior do castro, consérvanse restos dun petróglifo caracterizado por diversas liñas e que posúe o que parecen ser os restos de, cando menos, tres chanzos que puideron ser usados polos habitantes do castro para subir ou baixar por esta pedra.
Recentemente, nas súas inmediacións foi localizado o Petróglifo dos Campos, consistente en diferentes motivos circulares e un reticulado".
En agosto, andaina nocturna: petróglifos e observación de estrelas
Por outra banda, á xunta rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos, ten prevista outra actividade: unha andaina nocturna, para ver os petróglifos e as estrelas.
Oportunamente serán anunciados á hora e o lugar de saída.
Ningún comentario:
Publicar un comentario