Remate temporal de “Mùsica e palabras”
Xosé Manuel Malheiro Gutíérrez* / Camposancos
O pasado venres 2 de xuño celebrouse a última edición desta temporada de “Música e palabras”, unha actividade cultural que promove a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos por iniciativa de Lucía Martínez Diz. O primeiro venres de cada mes, entre setembro e xuño desde hai xa varios anos, un grupo heteroxéneo de amigos, entre cativos e maiores, reúnese na Casa de Montes para recitar poemas ou narrar contos e relatos de modo espontáneo. O que comparten os participantes é, en moitas ocasións, de “colleita propia”, e noutras, retallos de obras doutros autores, ben sexa en galego ou castelán. As intervencións están sempre acompañadas polo fondo musical á guitarra que lle pon Bieito Solo.
No peche desta temporada puidemos desfrutar dunha sorpresa, que foi a proxección do videoclip titulado Contra la pared, da compositora e cantante Carolina Rubirosa, que resultou gañadora do Premio do público no recente festival de Cans. Contra la pared está protagonizado por Sabela Rodríguez, unha das nenas participantes de “Música e palabras” máis fieis e entusiastas. Tamén houbo lugar para unha homenaxe musical por parte de Bieito á cantante norteamericana recentemente falecida Tina Turner. Ao final, non faltou o viño, os refrescos e os petiscos, para o agrado de cativos e maiores.
“Musica e palabras” descansa durante o verán para retomar con novos folgos a súa andaina o vindeiro mes de setembro, mentres deixamos paso a outras actividades, agardando por todos e todas vós.
Vídeo do “Musica e palabras” de xuño 2023.
*Secretario da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario