Máis de 950 persoas foron beneficiarias das actividades de prevención de condutas aditivas
Impartidas pola Asociación Érguete Baixo Miño nos centros educativos neste curso 2022/23
Érguete Baixo Miño / A Guarda
A Asociación Érguete Baixo Miño vén de rematar as actividades de prevención de condutas aditivas e de redución de riscos realizadas nos centros educativos da comunidade neste curso escolar.
Realizáronse diversos talleres pertencentes aos Programas “Educación para a Saúde na Escola” , “Non pasa nada, pasa algo?” e “Formación de mediadores sociais” tratando diferentes contidos tendo en conta tanto as idades como as necesidades do alumnado.
A poboación destinataria ascende a 900 nenos/as e mozos/as, que recibiron como mínimo 4 horas de formación específica sobre esta temática, e a 60 mestres/profesorado.
Estes programas que se adaptan ás características e ás demandas concretas dos participantes tratando aspectos fundamentais da saúde, teñen unha excelente acollida tanto por parte do alumnado como polos mestres/profesorado. Unha educadora social, con ampla experiencia nesta área, foi a encargada de realizar estas actividades acompañada, nalgunha ocasión, por unha persoa voluntaria.
Estas actividades están financiadas pola Consellería de Sanidade, Dirección Xeral de Saúde Pública, Servizo de Prevención de Condutas Aditivas e pola cota dos asociados/as da entidade.
Queremos agradecer a confianza e a implicación amosada polos mestres e profesorado da comunidade nestes proxectos porque sen a súa colaboración estas actividades non se poderían realizar, abrindo un espazo moi valioso para o tratamento destas temáticas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario