27 de xuño de 2023

A GUARDA

O concello de A Guarda elixíu Sanxenxo para a presentación da XXXI Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira  

A Rosa dos Ventos, do Paseo de Silgar converteuse esta mañá nun punto de degustación do crustáceo en distintas elaboracións.  


Brinde no acto de presentación da XXXI Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira 
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 Así como noutras edicións precedentes foron Póvoa de Varzim, Allariz e Santiago de Compostela, entre outras localidades, nesta ocasión o Goberno municipal do concello de A Guarda elexíu Sanxenxo para a presentación da XXXI Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira que se celebrará desde este venres e ata o domingo 2 de xullo na Guarda. 

 A Rosa dos Ventos, no Paseo de Silgar serviu como escaparate e punto de degustación do crustáceo en distintas elaboracións. Toda unha pequena demostración gastronómica do que poderán atoparse as persoas que acudan esta fin de semana á Guarda. 

 A presentación xerou unha gran expectación de público que se congregou na zona para poder probar a ampla mostra de productos, que poderanse degustar no porto de A Guarda: lagosta, lagostinos, camaróns, zamburiñas, luras, nécoras, gambas, berberechos, polbo, mexillóns, vieiras, empanada,..., e rosca de xemas de A Guarda, acompañado dunha copa de albariño.  

 Unha representación dos hostaleiros de A Guarda foi a encargada das elaboracións dos manxares do mar, así como da súa presentación. O alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, agradeceulles o seu labor. "Sen eles isto non sería posible", asegurou. 

 O encargado de explicar a importancia da cita gastronómica que terá lugar esta fin de semana no porto guardés foi o concelleiro, Fernando Reyes González. 

A Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira é, ademais dun evento gastronómico - Festa de Interese Turístico de Galicia -, unha importante cita cultural. Isto é así xa que, ademais de poder degustar os diferentes pratos, os visitantes terán oportunidade de gozar dunha variada oferta de entretemento con motivo da festa. Nesa vocación de festa familiar e para todos os públicos, contarase con diferentes actuacións e actividades, tanto para os maiores como para os máis pequenos, de maneira que a diversión está garantida.  

 Nesta edición son catro os restaurantes locais os que participan, con especialidades propias e tamén coas que segue sendo a raíña da festa, a lagosta cocida ou á prancha. A sobremesa que acompaña a lagosta desde a primeira edición da festa, non é outra que a rosca de xemas de A Guarda. Unha sobremesa típica guardesa, creada en 1953 por Manuel Alonso González, un profesional pasteleiro guardés. Asemade, tamén haberá outras sobremesas caseiras e tradicionais como son as filloas, tortas...  

 O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín González, acompañado da concelleira de Festas e Eventos, Elena Torres Aguin, e do concelleiro de Turismo, Juan Deza, destacou a importancia de "aproveitar as sinerxias" que xeran estas colaboracións entre concellos. "Galicia é unha cidade única e debemos promocionar toda a nosa riqueza paisaxística e gastronómica", indicou. Ademais, lembrou que durante o verán "o noso municipio é líder no norte de España en pernoitas polo que estamos encantados de que se faga aquí en Sanxenxo esta presentación e que moitos dos visitantes que xa están aquí veraneando se acheguen esta fin de semana A Guarda". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario