28 de xuño de 2023

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Atlánticas, unha viaxe por Galicia a través dos oficios de 42 mulleres 

● Este venres 30 de xuño inaugúrase no Museo do Pobo Galego a exposición fotográfica co traballo de Adrián Baúlde. 




Elena Mareque / Santiago de Compostela

 Atlánticas é o título da exposición fotográfica de Adrián Baúlde que se inaugura este venres 30 de xuño ás 18:30 horas no Museo do Pobo Galego

 A mostra é unha reflexión sobre o papel da muller no mercado laboral, desde os sectores con maior presenza feminina ata aqueloutros tradicionalmente masculinizados. A través da ollada de 42 mulleres de todo o territorio galego, a exposición permítenos explorar oficios tradicionais vinculados á riqueza do mar, ao campo ou ao traballo artesán, algúns deles en risco de desaparecer por mor da falta de relevo xeracional, como é o caso das zoqueiras, cesteiras, enterradoras ou oleiras, entre outros. As imaxes desas profesións tradicionais combínase coas de oficios do presente e do futuro, como o mundo da medicina ou a enxeñaría, que contan cunha crecente vocación feminina. 

 O proxecto fotográfico do fotoxornalista Adrán Baúlde (Cambados, 1993) é o resultado de tres anos de traballo e máis de 5.000 quilómetros de viaxe por Galicia, co fin de descubrir e poñer en valor o traballo desempeñado polas mulleres galegas que, co seu esforzo e paixón, foron e son quen de transformar a súa experiencia cotiá en resultados extraordinarios. En palabras do autor: “un fotógrafo, un coche, dous corpos de cámara, catro ópticas, horas de planificación, produción e postprodución. Pero o máis importante, elas, as Atlánticas, mulleres sen cuxa colaboración este proxecto nunca sairía á luz.” 

 Na exposición, que poderá verse no Museo do Pobo Galego ata o 5 de novembro, colaboran a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario