A VECIÑANZA GUARDESA CONMEMOROU A FESTIVIDADE DO DÍA DO SEÑOR
• Con vistosas alfombras de frores e de sal que foron admiradas por milleiros de persoas
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Desde fai anos, a celebración do Corpus Christi, na vila de A Guarda deixou o compoñente lúdico e en todo caso prescindible (festas profanas, pasacalles de xigantes e cabezudos, foguetes, etc.), para centrarse no realmente importante: a conmemoración do Santísimo Sacramento.
Na nosa vila, existe desde tempos moi antigos, a Confraría do Santísimo Sacramento, e por conseguinte á devoción a Cristo sacramentado. De feito, ata hai poucos anos, era moi habitual por estas datas, escoitar aos nosos conveciños do barrio de pescadores, referirse con moito respecto ao Día do Señor. Existe un vencello moi importante con esta celebración, desde tempos inmemoriais.
En todo caso, a manifestación cultural e devocional que logrou aglutinar á veciñanza arredor da celebración da festividade do Santísimo Sacramento, é á organización e realización das alfombras de flores e de sal, na honra, precisamente de Cristo sacramentado.
E non é un labor exclusivo das persoas crentes, senón que as alfombras de flores e de sal, na vila de A Guarda, logran aglutinar a persoas de todas as formas de pensar, diferentes crenzas, e mesmo agnósticas. Proba diso, é que dende fai varios anos, temos constancia da colaboración entusiasta e activa de varias persoas que non profesan a relixión católica. Ainda así, como non podía ser doutro xeito, foron acollidas con todo agarimo e contribuiron á esa expresión de devoción, que son as alfombras florais e de sal de A Guarda na honra do Señor.
Nesa actividade colectiva - o labor organízativo e loxístico, de recolección dos materiais necesarios, do seu debullado, conservación, deseño das alfombras,..., e colocación no pavimento das rúas -, hai moito amor. E hai, como non, moita Arte. Con A maiúscula. Todo iso, como broche de ouro a un inxente traballo de campo (no monte, en espazos públicos, nas leiras, nas propiedades particulares -con autorizacións previamente xestionadas cos seus lexítimos donos,..., -, para facer a recolección dos elementos naturais necesarios (árnica, buxo, carozos de espiga de millo, cortiza de piñeiro, palla de centeo e de trigo, pionas de eucalipto, tuia, hortensias, caraveis,...), e logo todo o necesario para telas dispostas para o día D, a hora H. A todo iso hai que engadir outros elementos que tamén foron necesarios (arroz, borros de café, virutas de madeira, sal mariña,...). En definitiva, unha ampla gama de materiais, que debidamente preparados, contribuiron a confección das artísticas alfombras de flores e de sal.
Queremos salientar que nesta ocasión, grazas a disposición de varias persoas procedentes de Venezuela e de Ucraína, coa colaboración de veciños/as da localidade, recuperouse á tradición da alfombra de sal da Ribeira, na que se empregaron máis de 800 quilos de sal mariña grosa. Foi toda unha mostra da capacidade que os seres humanos temos para entendernos e convivir en harmonía. Tamén empregaron sal mariña, no remate do tramo alfombrado, na rúa Concepción Arenal, na intersección coas rúas Brasilino Álvarez Sobrino e Enrique María Sesto.
Nesta edición, a directiva da Asociación Cultural de Alfombras da Guarda informou oportunamente que "este ano a procesión do Corpus, non será pola mañá coma sempre, senon ás 20:00 horas do domingo 11 de xuño. Por este motivo, tamén se retrasará a hora de inicio da elaboración das nosas alfombras. Na maioría dos casos comenzarase ao redor das 6 da mañá, polo que solicitamos e agradecemos a colaboración de todas as persoas que adoitan acudir a nosa chamada. Na Praza do Reló, por cuestións técnicas, comezarase como é habitual as 18:00 horas do sábado". E así se fixo. Dese xeito, veciños e visitantes puidemos presenciar o proceso de execución das alfombras - e mesmo colaborar na súa realización - e logo ter tempo para a súa contemplación devagar, así como para a participación nos actos relixiosos organizados pola parroquia de Santa María de A Guarda. Dese xeito, grazas á climatoloxía favorable que houbo, todos tivemos tempo para admirar as alfombras florais e de sal, participar na celebración eucarística e na procesión.
A verdade é que ten moitísimo mérito todo canto lograron facer as mulleres, nenos/as e homes, que con seu traballo na honra do Santísimo Sacramento, nos permitiron un desfrute colectivo da arte popular, entendida esta, como a xurdida do propio pobo.
Sentímonos moi orgullosos de pertencer a unha comunidade interxeneracional de veciñas/os, que grazas ao traballo de decenas de persoas, A Guarda brillase con luz propia, na celebración do Día do Señor. E ademais, motivar que milleiros de persoas de toda a comarca do Baixo Miño e tamén do país irmán, visitasen a nosa vila e compartisen a ledicia de gozar coas cores da biodiversidade que a natureza nos brinda de xeito totalmente gratuíto.
Temos pois, moitas razóns para sentirnos ledos, con todo o que logra mobilizar á celebración da festividade do Santísimo Sacramento na nosa vila, na que incluso os peregrinos que na xornada de hoxe seguían a ruta xacobea do Camiño Portugués pola Costa quedaron gratamente sorprendidos por este evento.
Finalmente, temos que decir que logo da celebración eucarística na igrexa parroquial, arredor das 20:00 horas saíu a solemne procesión, que percorreu o itinerario acostumado. Nela participaron o párroco Juan José González Estévez, acompañado do padre Luis López, da congregación dos PP. Somascos, e doutros sacedotes; nenas/os que fixeron súa Primeira Comuñón, representantes das diversas confrarías relixiosas; autoridades municipais en funcións, membros de varios colectivos da localidade, a banda de música da Agrupación Musical de A Guarda, dirixida por Víctor Luis Alonso Treinta, e moitas persoas da nosa vila e súa contorna.
Como en edicións precedentes, no percorrido procesional, un grupo de coralistas cantou varios motetes e no intre de alzar a custodia co Santísimo Sacramento, a banda de música interpretou o Himno Galego,
Rematada á procesión, unha brigada de persoal municipal, procedeu á recoller todo o material empregado nas alfombras florais e de sal, que tantas - e merecidas - loanzas recibiron.
GALERÍA FOTOGRÁFICA DAS ALFOMBRAS DE FLORES E DE SAL DO SANTÍSIMO SACRAMENTO NA VILA DE A GUARDA
Ningún comentario:
Publicar un comentario