A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou hoxe no Monte Aloia nunha xornada con axentes e técnicos ambientais co gallo do Día europeo dos parques
• A Xunta de Galicia pon en valor a súa aposta pola regulación dos parques naturais galegos e subliña o fito de que todos conten xa cun plan propio de uso e xestión
• Ángeles Vázquez lembra que coa aprobación do instrumento regulador das Fragas do Eume o pasado marzo dáse por rematado o proceso iniciado pola Xunta en 2019
Infogauda / Tui
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor a aposta realizada pola Xunta nos últimos anos para completar a regulación dos sete parques naturais galegos, un compromiso que permitiu que nestes momentos todos eles conten xa cun plan de uso e xestión propio adaptado ás súas características e necesidades.
Coincidindo co Día europeo dos parques, unha efeméride que conmemora a creación desta figura no continente no ano 1909, a responsable autonómica asistiu esta mañá no Monte Aloia a unha xornada de convivencia na que participaron ao redor de 30 dos máis de 100 axentes medioambientais, peóns e outros traballadores que prestan os seus servizos nos 6 parques naturais galegos e no Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Tras agradecer ao persoal da Consellería o carácter “polivalente” do seu traballo e subliñar o “labor diario crucial” que exercen para garantir a protección destes espazos naturais e divulgar os seus valores e biodiversidade entre os visitantes, Ángeles Vázquez quixo facer fincapé no papel e na “colaboración activa” que amosaron tamén nos últimos anos para axudar a sacar adiante os plans reitores de uso e xestión dos sete parques.
Así, lembrou que coa aprobación do PRUX das Fragas do Eume, o pasado mes de marzo, deuse por completado o proceso que impulsou a Xunta no ano 2019 co fin de dotar de instrumentos de regulación propios e actualizados aos 6 parques naturais e ao único parque nacional declarado en Galicia, un fito de grande transcendencia, tal e como dixo, tamén para os propios traballadores que desenvolven o seu labor nestes espazos.
Neste sentido, Vázquez Mejuto fixo fincapé na “seguridade xurídica” que supón contar “cunha planificación e unha estratexia” definidas en cada caso, un marco normativo que facilitará o traballo diario de axentes e demais persoal da Xunta de cara a garantir a protección e preservación destes espazos, xa que define con claridade e por zonas os usos permitidos, autorizables e prohibidos.
Así mesmo, tamén recordou que estes plans permiten facer unha planificación de investimentos de cara aos vindeiros anos, subliñando que durante a súa vixencia —que varía entre os 6 e os 10 anos— a Xunta prevé mobilizar un investimento total estimado en preto de 70 millóns de euros nos 7 parques galegos.
Construíndo sobre as nosas raíces
Este é o terceiro ano consecutivo que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda organiza un encontro de confraternidade e intercambio de experiencias dirixido a todo o persoal adscrito a estes espazos co gallo da celebración do Día europeo dos parques, que en 2023 se conmemora baixo o lema Construíndo sobre as nosas raíces.
Os dous anteriores desenvolvéronse nos parques do Invernadeiro (o único de xestión e titularidade completa da Xunta) e das Fragas do Eume. Nesta ocasión, o escenario escollido foi o Monte Aloia, unha volta “ás raíces”, como comentou a conselleira, xa que cómpre lembrar que este foi o primeiro parque natural declarado na Comunidade, concretamente no ano 1978.
A maiores, a Xunta tamén organizou ao longo do día de hoxe toda unha serie de actividades dinamizadoras para conmemorar o Día europeo dos parques, dirixidas ao público en xeral pero cunha atención especial a nenos e mozos.
Así, no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés haberá esta tarde un roteiro guiado pola senda termal de Lobios a Vilameá; en Fragas do Eume organizouse un xogo de pistas nos arredores do Centro de interpretación de Caaveiro, con premio para todos os participantes; no centro de visitantes de Biobra, na Serra da Enciña da Lastra, convidouse a todos os residentes no parque natural a participar nunha xornada de portas abertas; e en Corrubedo porase á proba os coñecementos dos visitantes sobre os parques naturais galegos cun cuestionario sobre curiosidades e detalles de interese.
Por último, no caso do Parque Nacional hoxe haberá unha visita a Sálvora dirixida a profesionais do sector turístico ligado ás Illas Atlánticas, no centro de visitantes de Vigo e nas casetas de información de Cíes e Ons animarase a participar nun xogo de preguntas e tamén está prevista unha visita de alumnos da Escola de Deseño de Vigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario