31 de maio de 2023

O ROSAL

Unha unidade móbil de doazón de sangue visitará de novo O Rosal   

O vindeiro 5 de xuño, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas, na rúa Ramón Franco 

 



 Infogauda / O Rosal

 A Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) enviará a vindeira semana ao Rosal unha nova unidade móbil. Será o vindeiro 5 de xuño, data no que o autobús para a doazón de sangue estará situado na rúa Ramón Franco, nº 4, fronte a Abanca, coas súas portas abertas de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas para todas aquelas persoas que queiran achegar a súa pinga de solidariedade. 

 Poden acudir a doar todas as persoas con máis de 18 anos e 50 kg de peso. Para doar debe facerse despois de almorzar se se acode pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se a doazón é pola tarde. Dende ADOS lémbrase que é importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao persoal médico en caso de estar tomando algún tipo de medicamento ou tratamento.  

 O persoal da unidade móbil fai unha revisión a todas as persoas que queren doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, non obstante recoméndase a todas as persoas doantes non acudir se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. 

 A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos mantén abertos cada día locais de doazón nas sete grandes cidades de Galicia e despraza dez unidades móbiles na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas, analizadas e preparadas para garantir o subministro de compoñentes sanguíneos a todos os hospitais galegos para atender a milleiros de doentes os 365 días ao ano. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario