O Concello de A Guarda programa a terceira edición do Ciclo Medioambiental “Sostendo o futuro”
• Conta cun total de 4 actividades programadas para os meses de xuño e xullo.
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda arrancará no mes de xuño a segunda edición do ciclo “Sostendo o Futuro”, que ten a finalidade de tomar conciencia en torno aos valores de sostibilidade e coidado da nosa contorna. Para este fin escolléronse 4 actividades de diferente natureza que nos axuden a preguntarnos, dende diferentes posicións, sobre o noso día a día e a consecuencia de accións cotiás e insignificantes, aparentemente.
As actividades comezarán o día 5 de xuño co Plogging, coincidindo co día do Medo Ambiente, que terá lugar con diferentes centro educativos da vila e no cal o alumnado participará na recollida de lixo, ben correndo ou andando, por diferentes espazos da nosa contorna.
O 23 de xuño realizaranse os obradoiros “As abellas e as aromáticas”, especialmente dedicados a crianzas de entre 3 e 12 anos, que cunha duración aproximada de dúas horas realizaranse na Fortaleza de Santa Cruz ás 19:30h.
Xa no mes de xullo, o día 9, terán lugar os “Baños en natureza”, unha actividade para adultos e crianzas cunha duración aproximada de hora e media que terán lugar no Monte Santa Trega ás 18:30h.
Tamén en xullo, o día 21, realizarase na Xunqueira de Salcidos a actividade “Bolboretas nocturnas”, unha actividade cunha duración aproximada de entre tres e catro horas que arrancará ás 21:15h.
Dende a concellería de Medio Ambiente do Concello de A Guarda convídase a toda a cidadanía a participar nestas actividades programadas na segunda edición de “Sostendo o futuro”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario