Redactados os proxectos de reforma integral da 1ª fase do antigo colexio público Manuel Rodríguez Sinde e a escola de San Lorenzo
• Ambos edificios están ocupados na actualidade por diversas asociacións sen ánimo de lucro da vila.
Infografías do aspecto que ofrecerá a antiga escola de San Lourenzo, na zona de aula (imaxe superior) e da zona da comisión de festas (imaxe inferior)
Fonte: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O Equipo de Goberno do Concello de A Guarda vén de facer público á seguinte nota de prensa: “No día de onte vimos de recibir o proxecto de rehabilitación integral da escola de San Lourenzo, de Salcidos, que será presentado como proxecto de obra no seguinte obradoiro de emprego.
En caso de que o obradoiro nos sexa concedido este ano, participarán como alumnos-traballadores un total de 20 persoas desempregadas que obterán ao finalizar a formación o certificado de profesionalidade de albanelería, unha profesión moi demandada polas empresas de construción nos últimos tempos.
Este proxecto inclúe, entre outras intervencións, o illamento térmico do edificio, a mellora da accesibilidade ou a creación dun aula de cociña na que calquera asociación poida impartir cursos.
Tamén fai unhas semanas recibimos o proxecto de reforma integral do pavillón número 1 do Sinde Vello. Para materializar esta obra presentouse dito proxecto a unha convocatoria de subvencións da Deputación de Pontevedra (PON2030), na que se valora especialmente a mellora da eficiencia enerxética dos inmobles. Esta obra está aliñada por tanto co Plan Rehabita.
Neste edificio crearanse espazos insonorizados para que os grupos podan ensaiar, despachos para as asociacións, salas de reunións, aulas de uso compartido, e dotarase a este edificio de accesibilidade coa introdución dun ascensor.
A través destes dous proxectos, que foron encargados a dous estudos de arquitectura da vila, realízase unha firme aposta pola mellora de espazos que teñen usos sociocomunitarios, culturais, etc, xa que en ambos os dous edificios se atopan ubicadas, neste momento, varias asociacións da vila, que poderán ver melloradas as instalacións onde desenvolven a súa actividade”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario