23 de maio de 2023

A GUARDA

O Concello de A Guarda organiza “Encontros en familia”  

En total serán 7 charlas. Realizaranse os martes na Casa dos Alonso, de 19:30 a 21:00h.




Infogauda / A Guarda

 A Casa dos Alonsos acollerá o ciclo “Encontros en familia”, que vén de organizar o Concello de A Guarda. Trátase dunha nova proposta do Servizo de educación e apoio familiar (SEAF) que pretende achegar á cidadanía temas actuais que inviten ao debate e a reflexión sobre o papel da familia na sociedade actual e ao mesmo tempo ofrecer recomendacións e orientacións prácticas ás familias, profesionais da educación e coidadores. 

 O obxectivo destes encontros é fortalecer as súas capacidades e habilidades parentais e de crianza, ofrecendo pautas positivas para consolidar os vínculos familiares e garantir a protección integral das crianzas e adolescentes.    

 Na organización destes encontros tívose en conta as preocupacións e demandas das familias e profesionais do ámbito da educación e sanidade que traballan no concello de A Guarda. 

 En total serán 7 encontros. O primeiro deles - Vivindo a vida desde o presente -  será o martes 13 de xuño. Pretende abordar temas tan importantes como a saúde mental, hábitos saudables e o tempo de ocio e familiar, dirixindo ao público asistente cara a reflexión sobre como modificar a nosa visión de vida pódenos achegar a unha maior calidade.  

 Ese día terá lugar tamén a presentación do ciclo completo de encontros que se retomarán despois do verán cunha periodicidade quincenal e mensual. A duración de cada un será de 90 minutos e estarán dirixidos por Esteban Figueirido, psicólogo especializado en terapia familiar e Beatriz Arroyo, traballadora social clínica, psicoterapeuta e tanatóloga.  

PROGRAMA 

SETEMBRO 

19.09.23 

“Se estamos ben, eles estarán ben”. Tratarase a influencia da relación que hai entre os proxenitores sobre as/os fillas/os.  

OUTUBRO        

10.10.23 

“As condutas autolesivas”. Falarase sobre prevención e intervención, abordando as condutas que supoñan un risco para a integridade da persoa entre elas o suicidio.   

24.10.23 

“O bo uso da tecnoloxía”. Como controlar as últimas tecnoloxías e conseguir que elas non che controlen a ti.  

NOVEMBRO 

07.11.23 

“Ruptura de parella”. Moitas perdas e algunhas ganancias. 

21.11.23  

“O acoso escolar”. Detección, prevención e intervención familiar.      

DECEMBRO 

12.12.23 

“A afectación do duelo ás relaciones familiares”. Ferramentas e comunicación para xestionar o duelo.  

 Todas as charlas realizaranse os martes na Casa dos Alonso (planta baixa do Concello) en horario de 19:30 a 21:00h.

 A entrada é libre ata completar aforo. 

 Para máis información chamar aos teléfonos: 680 197 937 SEAF e 986 614 507 Servizos sociais. 

Enderezo electrónico: educadora@aguarda.es

Ningún comentario:

Publicar un comentario