ANTONIO LOMBA ASEGURA QUE “AFRONTAREMOS A EXECUCIÓN DO ACCESO SUR AO PORTO DA GUARDA“
• Patrimonio aprobou o trazado escollido polo equipo de goberno socialista
• “Necesitamos esta obra para rematar coa humanización do centro da Guarda e ter unha comunicación eficaz co porto”, subliña o candidato do PSOE
Infogauda / A Guarda
Antonio Lomba, candidato á reelección como alcalde de A Guarda, asegura que “no próximo mandato afrontaremos, coa colaboración doutras administracións, a execución do Acceso Sur ao porto da Guarda”.
Para Antonio Lomba e a súa candidatura, “é unha obra prioritaria”. A súa aprobación por parte da Xunta e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural leva tempo na axenda dos socialistas, que da man da Deputación de Pontevedra traballaron para adecuar o proxecto ás esixencias técnicas e os diferentes requirimentos.
“Necesitamos esta obra para rematar coa humanización do centro da Guarda e ter unha comunicación eficaz co porto; xa temos a aprobación por parte de Patrimonio ao trazado escollido polo noso equipo de goberno”, subliña Antonio Lomba, candidato á reelección nos comicios deste 28 de maio.
O actual alcalde insiste en que se trata “dun itinerario que vai por enriba do muiño de vento para protexer o paseo litoral e deixalo para desfrute das persoas e libre de coches”.
Antonio Lomba critica “a actitude por parte do BNG en todo este proceso, no que se dedicou a embarrar o campo dicindo que tiñamos que redactar un novo proxecto pola beira do mar”. “Logo falan de humanizar e ganar espazo para as persoas”, afirma.
“Afrontar, coa colaboración doutras administracións, a execución do Acceso Sur ao porto é clave no proceso de facer da Guarda unha vila amable para as persoas”, como recolle no seu programa o Partido Socialista de Galicia-PSOE, que tamén inclúe, entre outras medidas, “a xestión da senda arredor do Trega, urbanizar a rúa Malteses e continuar coa remodelación da rúa Coruña nunha segunda fase ata chegar ao Centro Cultural”.
“Tamén impulsaremos a mellora da seguridade na zona escolar da Sangriña e na de Solanas, así como a remodelación da rúa Manuel Álvarez”, engade Antonio Lomba.
“A humanización da Guarda” que propón a candidatura do PSdeG-PSOE insiste, así mesmo, “na ampliación dos aparcadoiros disuasorios en distintos puntos do casco urbano”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario