3 de abr. de 2023

O ROSAL

O Rosal e A Guarda aproban en pleno, por unanimidade, unha moción para a regularización das persoas migrantes   

 A iniciativa é promovida polo movemento estatal #RegularizaciónXa despois de conseguir as 500 mil sinaturas necesarias para poder levar esta proposta de lei ao Congreso  


A corporación municipal do concello de O Rosal, no momento da votación e apoio unánime da moción de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular para a regularización das persoas migrantes en situación administrativa irregular en España

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 As corporacións municipais dos concellos de O Rosal e A Guarda veñen de aprobar en pleno e por unanimidade, unha moción de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular para a regularización das persoas migrantes en situación administrativa irregular en España. A iniciativa, que conta tamén co apoio do Concello de Tomiño, será presentada no resto de concellos da comarca do Baixo Miño.  

 Ademais, ata agora foi aprobada por máis dunha vintena de municipios galegos e españois, como Santiago de Compostela, Ferrol, Vilagarcía, Barcelona ou Lleida.  

 No caso do Concello do Rosal, a moción foi defendida por unha persoa delegada da iniciativa na zona, contando co apoio de toda a corporación local. A representante explicou as orixes e razóns da iniciativa, facendo fincapé na necesidade de dar unha solución extraordinaria pola vía legal á situación irregular na que viven en España arredor de 500.000 persoas na actualidade. "A irregularidade é unha condena á explotación laboral, a invisibilidade ante as institucións, a desprotección xurídica ou a exclusión de facto de servizos públicos esenciais como a educación e a sanidade", explicou a delegada. "Coa regularización non só se outorgarían dereitos fundamentais ás persoas migrantes, senón que se permitiría aflorar unha grande contribución económica e fiscal para a sociedade no seu conxunto", engadiu.  

 Tanto a alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández Callís, como o resto dos seus compañeiros e compañeiras de partido (BNG), e tamén os membros da oposición (PP e PSOE), resaltaron a importancia de lembrar que Galicia é terra de emigrantes, polo que consideraron xusto apoiar agora ás persoas que viven e traballan en España sen regularizar a súa situación, coas consecuencias que iso ten para as propias persoas e tamén para o país.  

 A mesma sorte correu a moción no pleno da Guarda, celebrado o pasado venres, contando tamén co apoio unánime da corporación.  

 A ILP nace do movemento #RegularizaciónXa, integrado por decenas de colectivos e redes migrantes organizadas, e entidades sociais e políticas de diversa índole, que conflúen baixo o obxectivo común da regularización extraordinaria.  

 Con 700 mil sinaturas recollidas, trátase da ILP que máis apoios acadou en toda a historia da democracia española, abrindo unha nova etapa de incidencia política nos próximos meses, que incluirá non só a aprobación de novas declaracións institucionais de apoio, senón tamén outras accións que sensibilicen os deputados e deputadas, ademais de seguir ampliando o respaldo social á nova medida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario