4 de abr. de 2023

ECONOMÍA

As afiliadas á Seguridade Social con contrato fixo descontinuo multiplicáronse por catro en Galiza dende o ano 2009  

 Tan só o sector servizos aumentou o número de persoas traballadoras, o que se traduce nun incremento da precariedade e da parcialidade 


Foto: CIG

Infogauda / Galiza

 “As persoas afiliadas á Seguridade Social con contrato fixo descontinuo multiplicáronse por catro en Galiza dende 2009, pasando de 6000 a 33.000, segundo se desprende dos datos do mes de marzo publicados hoxe polo SEPE. As estatísticas amosan tamén que o sector servizos foi o único que rexistrou un aumento das persoas traballadoras, mentres que outros como a industria ou a construción experimentaron unha forte caída de afiliación. Isto tradúcese nun cada vez maior incremento da precariedade e da parcialidade do emprego, cunha perda importante de ingresos por parte da clase traballadora do noso país. Esa é a análise que vén de facer pública a CIG.

 Os datos  do paro que se veñen de coñecer sitúan a afiliación media mensual galega nas 1.043.529 persoas, mentres que o número de persoas rexistradas como desempregadas acadou as 141.847, un 1,6% menos que no mes anterior. No conxunto do Estado español a redución media foi do 1,7%.  

 Unha vez máis o sector servizos é o único con capacidade de xerar emprego en Galiza, xa que das 2.245 persoas que atoparon un posto de traballo no mes de marzo, un total de 1.947 fixérono neste sector. O modelo económico da Xunta, baseado no turismo, fai que as provincias do litoral, A Coruña, Lugo e Pontevedra resistan mellor nas estatísticas, mentres que en Ourense aumentou o desemprego.  

 Isto trae consigo máis precariedade e parcialización do traballo, tal e como reflicten os números de afiliación á Seguridade Social: en 2009 no noso país había unicamente 6.000 persoas con contrato fixo descontinuo, e a día de hoxe rexístranse 33.000, catro veces máis. Ao mesmo tempo, das 56.000 persoas traballadoras a tempo parcial de 2009 pasouse a 113.000.   

 “Vemos como se estende un novo elemento de precariedade, que é a parcialidade do traballo. Cada vez menos persoas traballan a xornada completa, o que se traduce directamente nunha redución de ingresos”, denuncia o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío.  

 O responsábel sindical sinala que esta leve diminución do paro rexistrado responde a un cambio de modelo produtivo, onde a industria e a construción perden cada vez máis peso na economía en detrimento do sector servizos, provocando un aumento da precariedade e da parcialidade no emprego e unha baixada dos ingresos.  

 De feito, a industria perdeu 16.000 persoas afiliadas dende 2009 (pasaron de 152.000 a 134.000), mentres que na construción pasaron de 125.000 a 80.000 (perdeu 45.000). Pola contra, na hostalaría pasouse das 63.000 que había en ás 75.000 actuais (12.000 máis). 

 “Asistimos a un transvase de persoas traballadoras dende os sectores que mellores salarios e condicións laborais teñen a actividades do sector servizos con peores soldos e condicións máis precarias”, remata.

Ningún comentario:

Publicar un comentario