ATLETISMO
Os irmáns Sierpes Pereíra sóbense ao pódium na Milla Urbana de Avilés
• Conseguindo Álex o ouro e máis o récord autonómico na categoría Sub-16, e Christian, medalla de bronce, na categoría Sub-18.
Sociedade Atlético do Trega / Redacción Deportes
A pasada fin de semana os atletas guardeses Christian e Álex Sierpes Pereira, do club Sociedade Atlética Trega-Tomiño, desprazáronse ata terras asturianas para participar na XXXIV edición da Milla Urbana Avilés, 2023, con moita tradición no panorama atlético nacional, coincidindo coa festa do Bolo e en pleno domingo de pascua.
Os nosos valentes deportistas competiron en xornada de tarde, nas categorías Sub-16, Sub-18 e Sub-20 conxunta, baixo o circuíto homologado pola RFEA de 3 voltas, completando os 1.609 metros.
O primeiro en facelo foi o máis novo da saga Sierpes Pereira. Álex, liderou en solitario toda a proba impoñendo un gran ritmo de carreira que lle permitiu adxudicarse o triunfo na categoría Sub-16, batendo o récord galego cun fantástico 4´37", derrubando así o rexistro que desde o ano 2012 posuía o atleta de orixe etíope Tariku Navales, cun crono de 4´ 48"; entrando detrás del Ageru Hoyos Rubín, do Atletismo Camargo, cun tempo de 4´58"; e en terceira posición Sergio Cuesta García, do Gijón Atletismo, cun rexistro de 4´59".
Xa na categoría Sub-18 e Sub-20 que se disputou conxuntamente, estaba o irmán maior Christian Sierpes Pereira que cun rexistro de 4´54", se fixo co bronce na categoría Sub-18, pechando unha sensacional actuación os pupilos de Javier Sierpes Silva e Patricia Pereira Guisantes.
Moitas felicidades aos dous! E a por novos retos, a seguir loitando polos soños.
Ningún comentario:
Publicar un comentario