A Guarda vai recoñecer a Tito Lemos como Fillo Adoptivo
• Será nun pleno extraordinario que terá lugar o sábado día 15 de abril, ás 12:00h na Casa dos Alonso.
• Tamén se descubrirá un busto realizado por Magín Picallo na que será dende este sábado a praza Tito Lemos na rúa Manuel Álvarez.
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda e a Asociación Pro-Homenaxe “Tito Lemos”, continúan coas accións para pór en valor a figura de Joaquín Lemos Zunzunegui, médico, falecido en Vigo, o día 15 de novembro de 2019, tendo en conta a súa ampla traxectoria profesional e o seu compromiso e adicación coa cidadanía guardesa, ben coñecida por todos os guardeses e guardesas, cunha actitude sempre cordial e servicial que deixou pegada nos seus pacientes, familiares e amigos.
Joaquín Lemos Zunzunegui “Tito Lemos”, destacou sempre pola súa calidade humana e é precisamente por este motivo polo que se creou na Guarda a Asociación Pro-Homenaxe “Tito Lemos” que pretende homenaxear nesta vila a figura deste doutor, pola súa traxectoria profesional e persoal vinculada a esta vila, ademais do recoñecemento e agarimo dos seus pacientes e dos seus compañeiros de profesión.
Dentro das accións e obxectivos fixados pola devandita asociación, destaca o xa inaugurado miradoiro no monte Santa Trega, a declaración como fillo adoptivo na Guarda ou a colocación dun busto diante da que foi a súa clínica, dando o seu nome tamén á praza onde está ubicada.
Deste xeito o sábado día 15 de abril ás 12:00h, o salón de plenos acollerá unha sesión extraordinaria cun único punto na orde do día, a declaración de Joaquín Lemos Zunzunegui “Tito Lemos” coma Fillo Adoptivo de A Guarda, cuxa transmisión poderáse seguir na canle de YouTube do Concello de A Guarda.
Unha vez rematada a sesión plenaria, a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (S.F.N.G.) porá en circulación o cuño especial, tarxeta postal e un selo conmemorativo - baseados nuns debuxos da autoría de delineante e deseñador Luís Alberto Franco Lomba (Berto) - con motivo do nomeamento de Fillo Adoptivo de A Guarda ao doutor Joaquín Lemos Zunzunegui "Tito Lemos" (1956-2019). O acto terá lugar no Concello de A Guarda.
A continuación, na que será dende este sábado praza de Tito Lemos, na rúa Manuel Álvarez, de A Guarda, realizarase a descuberta do busto realizado por Magín Xulio Picallo Durán.
Dende o Concello de A Guarda e a Asociación Pro-Homenaxe “Tito Lemos” convídase a toda a cidadanía a participar nestas accións para manter viva a súa figura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario