26 de xul. de 2022

A GUARDA

O MONTE SANTA TREGA ACOLLE A LEMBRANZA AO DOUTOR JOAQUÍN LEMOS ZUNZUNEGUI

Cun miradoiro orientado á vila de A Guarda desde onde se poden gozar dunhas fermosísimas vistas 



Reportaxe fotográfica: Santiago Baz Lomba


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Desde momentos antes do mediodía do sábado día 23 de xullo de 2022, unha representación dos familiares e amigos do doutor Joaquín Lemos Zunzunegui, así como membros da corporación municipal, veciños de A Guarda e súa contorna; fómonos achegando ata ladeira norte do campo Novo Chans, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de A Guarda, para asistir á inauguración dun miradoiro adicado á lembranza de Tito Lemos. pois así era como era coñecido popularmente o prezado médico, falecido prematuramente o día 15 de novembro de 2019. 

 Ainda que o acto estaba anunciado para ás 12:30 horas, daría comezo un pouco despois, cun saúdo de benvida a todas ás persoas que asistiron, por parte de Miguel Reboredo Otero, presidente da Asociación pro homenaxe o Dr. Joaquín Lemos Zunzunegui, dando a coñecer un avance das futuras actuacións que están previstas e que serán anunciadas oportunamente.

 A continuación, en nome da familia fixeron uso da palabra Jorge e Pablo, respectivamente, fillos de Tito Lemos, para lembrar en cadansúa intervención, algunha anécdota, o carácter e o perfil humano de seu pai, e ao mesmo tempo, agradecer aos organizadores dese acto e entidades que apoiaron esa iniciativa, así como a todas persoas que asistiron a esa homenaxe.

 En nome do Concello de A Guarda, interviu en primeiro lugar, a tenente alcalde Mª Montserrat Magallanes Álvarez, e posteriormente faríao o alcalde Antonio Lomba Baz, visíbelmente emocionado. Tanto Magallanes como Baz, salientaron a cercanía do Dr. Lemos e o agarimo co que trataba a todos os seus pacientes.





 Logo de facerlles entrega aos fillos do doutor Lemos dunhas figuras de Sargadelos,  representando a uns peregrinos, agasallo da xunta reitora da Comunidade de Montes de A Guarda, que preside Manuel Castro Vicente; e por parte das concelleiras Mª Montserrat Magallanes e Fátima Rodríguez, un ramo de flores a Rosa Portela Moreira, viuva de Tito Lemos; tamén dirixiu unhas verbas o concelleiro Celso Rodríguez Fariñas, membro a súa vez, da asociación promotora da homenaxe, agradecendo o apoio institucional do Concello e da Comunidade de Montes de A Guarda,





 Asemade, os organizadores entregáronlle á familia de Tito Lemos un retrato do homenaxeado, realizado a plumilla por Luis Alberto Franco Lomba.

 A continuación, o alcalde de A Guarda e os fillos de Tito Lemos desvelaron unha placa colocada nunha pedra que preside o miradoiro adicado ao relembrado médico, na que pode lerse o seguinte texto:

TITO LEMOS

-

Un anxo con bata branca, 

que non só curaba o corpo

senón tamén á alma.


 Rematado o acto, á maioría das persoas que asistiron saudaron á prezada familia de Tito Lemos, expresándolles o agarimo que todos sentimos deica eles.

 Finalmente, no campo de Novo Chans foi servido un viño galego no que ademáis doutros productos da gastronomía tradicional galega, non fallou a rosa de xema de A Guarda, poñendo broche de ouro a un acto no que quedou de manifesto o aprezo da veciñanza de A Guarda e súa contorna, deica o Dr. Joaquín Lemos Zunzunegui e súa familia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario