12 de abr. de 2023

A GUARDA

A Sangriña acollerá esta fin de semana as finais a catro xuvenís   

A Guarda será o epicentro do balonmán formativo galego o sábado 15 e o domingo 16 

O Atlético Guardés pelexará por un billete para o sector nacional con Porriño, SAR e Xiria na competición feminina, mentres que Porriño, Cisne, Lalín e Xiria mediranse na masculina 

O evento foi presentado no Concello de A Guarda polo alcalde Antonio Lomba 

Grazas ao partido da liga Guerreiras Iberdrola entre o Mecalia Atlético Guardés e o Málaga, os encontros do sábado xogaranse na espectacular pista verde do duelo estrela da xornada  


O alcalde de A Guarda presidiu a presentación do evento deportivo
Foto: F.G.de B.

Infogauda / A Guarda

 A Guarda converterase a próxima fin de semana do 15 e o 16 de abril, no epicentro do balonmán de base en Galicia. E é que o pavillón da Sangriña vai acoller as finais a catro xuvenís, que poñen en xogo senllos billetes aos sectores nacionais da categoría. O Club Balonmán Atlético Guardés será o anfitrión e o seu equipo xuvenil participará na competición feminina xunto a Porriño, SAR e Xiria. A masculina disputaranlla Porriño, Cisne, Lalín e Xiria.  

 O evento, xa de seu espectacular, terá un plus grazas á pista verde que se monta para o partido estrela de cada xornada na liga Guerreiras Iberdrola. Neste caso, será o que o Mecalia Atlético Guardés dispute contra o Costa do Sol Málaga o sábado ás 21:00 horas. A guinda do pastel a unha xornada sabatina sensacional, con todas as semifinais sobre a icónica superficie verde.  

 O prato forte da xornada xuvenil vivirase ás 12:30, coa semifinal feminina que enfrontará ao Mecalia Atlético Guardés coa SAR de Redondela. Antes, ás 10:30, comezará o día co duelo masculino entre Cisne e Lalín. Pola tarde complétase o programa cun dobre enfrontamento Porriño-Xiria, tanto para as mozas como para os mozos. Para o domingo quedan os partidos polo terceiro e cuarto posto -ás 11:00 o masculino e ás 13:00 o feminino- e as finais: ás 16:00 eles e ás 18:00 elas. Todo se poderá seguir en directo, xa sexa no propio pavillón ou a través do servizo de transmisión que a Federación Galega de Balonmán pon ao dispor dos usuarios na súa canle de Youtube.   

 O evento presentouse este mércores pola mañá no Concello de A Guarda. Foi o alcalde da localidade, Antonio Lomba, o encargado de presidir o acto, que contou tamén con Santos Héctor, da Deputación de Pontevedra, e coas vicepresidentas da Federación Galega e do Club Balonmán Atlético Guardés, Carla Abad e Gloria Rodríguez, respectivamente. O trío estivo acompañado pola edil de Deportes de A Guarda, Mª Montserrat Magallanes; a directiva da Federación -e extécnica do Atlético Guardés- Elena Estévez; así como o presidente de honra da entidade miñota, Juan Rodríguez, o seu coordinador de base e adestrador do equipo xuvenil, Fabio Lima, e varios membros da xunta directiva.  

 O club traballou para que as finais a catro sexan moito máis que oito partidos de xuvenís. Haberá varias actividades paralelas como unha charlas con adestradores de elite o domingo pola mañá, espectáculos de danza, música e algunha que outra sorpresa engadida. Ademais, a entidade quere que todos os participantes leven un bonito recordo desta experiencia, polo que convidou a todos os xogadores e xogadoras, así como aos seus técnicos, a presenciar o partido de Liga Guerreiras Iberdrola entre o Mecalia Atlético Guardés e o Málaga. Non só iso. Tamén facilita a cada un deles dúas entradas a un prezo reducido de 5 euros. Un esforzo destinado a poder garantir o futuro do balonmán.    

O programa  

Sábado:  

- 10:30 | Semifinal masculina | Cisne-Lalín 

- 12:30 | Semifinal feminina |  Guardés-SAR 

- 15:30 | Semifinal feminina | Porriño-Xiria 

- 17:15 | Semifinal masculina | Porriño-Xiria  

Domingo:  

- 11:00 | Terceiro e cuarto posto masculino 

- 13:00 | Terceiro e cuarto posto feminino 

- 16:00 | Final masculina 

- 18:00 | Final feminina   

 As finais a catro poñen en xogo un billete para o sector nacional xuvenil de balonmán. No caso da categoría feminina, Carballal e Cangas xa están clasificados como os dous primeiros da liga Ouro (a Federación Española de Balonmán habilitou este ano unha praza extra). En canto á masculina é o Luceros o que xa ten o seu pase como campión de Liga Ouro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario