30 de mar. de 2023

TOMIÑO

O Concello realiza unha diagnose sobre igualdade e violencia de xénero nos centros educativos de Tomiño  

• O 30 de marzo realizarase un foro participativo con representantes das ANPAS, centros de ensino, OMIX e Voces Novas  

 A información tamén se recolle a través de entrevistas persoais e dunha enquisa en liña


Imaxe: C.T

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño aposta pola igualdade en todos os eidos. Por este motivo, vén de poñer en marcha un estudo-diagnose sobre igualdade e violencia de xénero nos centros de ensino tomiñeses, unha iniciativa que pon o foco de atención na realidade da comunidade educativa tendo en conta todos os niveis formativos, dende infantil, primaria, secundaria ou bacharelato ata a FP Básica e os ciclos formativos. 

 “A igualdade de xénero e a prevención da violencia machista é para nós motivo de inquedanza, por iso continuamos traballando para poder facer unha labor de sensibilización e visibilización”, sinala a alcaldesa, Sandra González. Para a rexedora é fundamental “investir os recursos que temos de forma intelixente, por este motivo é moi importante facer unha diagnose que nos permita coñecer a realidade social e descubrir ángulos cegos para poder desenvolver iniciativas diana e proxectos que vertebren un cambio real e evidente”. 

 A primeira fase permitiu a recompilación de información de forma directa a través de entrevistas persoais con representantes de igualdade das ANPAS, dos centros educativos, da OMIX de Tomiño e da asociación de mocidade Voces Novas. Unha iniciativa que dá un paso máis alá coa celebración este xoves 30 dun foro participativo no salón de plenos do Concello con todas e todos estes representantes para seguir debullando a realidade da comunidade educativa.  

 Esta participación esténdese a familias, ANPAS, persoal técnico do Concello, persoal docente e alumnado a partir dos 12 anos de idade a través dunha enquisa en liña coa que poden achegar a súa visión sobre a igualdade tanto nas aulas como fóra delas.  

 Unha vez analizada toda a información recollida nos foros, nas entrevistas e a través da enquisa “teremos unha fotografía real que nos permitirá deseñar e levar a cabo nos centros educativos intervencións o máis enfocadas posible ás problemáticas reais, acadando así resultados de alto calado cara a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero”, salienta a alcaldesa. O informe final recollerá diferentes liñas de actuación que permita traballar nas eivas detectadas a través da diagnose.

Ningún comentario:

Publicar un comentario