30 de mar. de 2023

O ROSAL

O empoderamento feminino chega este xoves aos ‘Cafés en igualdade’ do Rosal  

 A técnica Sara Uris falará do rol das mulleres no coidado e da importancia de crear comunidade  Será o día 30 de 17.30 a 18.30 h na Liga de Amigos


Foto: C.O.R.
  

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal ten todo listo para celebrar este xoves a terceira sesión dos seus ‘Cafés en igualdade’, un espazo de reunión íntima entre mulleres para falar de temas de interese, unha burbulla de lecer persoal dunha hora ao mes na que poder conversar como se se estivera cun grupo de amigas. Como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, un espazo no que “abordar diferentes temáticas que permitirán a todas as asistentes gozar dun pequeno balón de osíxeno nesa loita diaria para manter o equilibrio entre a conciliación familiar, laboral e persoal real”. 

 Nesta terceira sesión, a técnica en Igualdade Sara Uris afondará con todas as participantes o papel feminino dos coidados, un rol arraigado e outorgado de forma ancestral ás mulleres e que moitas veces se asume por satisfacción pero tamén por obriga. Profesora de educación infantil, especialista en xénero e igualdade e creadora de Transformando Realidades, Uris abordará nesta charla o empoderamento feminino e a importancia de crear comunidades. Será este xoves 30 de marzo de 17.30 a 18.30 horas na Liga de Amigos, na Praza do Calvario. 

 Con esta iniciativa, o Concello programa cada último xoves de mes ata maio interesantes encontros dirixidos a mulleres nun horario diferente, moitas veces aproveitando os tempos mortos de obrigas cotiás como poden ser as esperas mentres fillos e fillas están nas actividades extraescolares. Son encontros dunha hora de duración que se celebran sempre de tarde e en diferentes establecementos hostaleiros do Rosal. 

 O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario