3 de mar. de 2023

OIA

O PSdeG-PSOE de Oia apóiase no modelo da Deputación e mírase no espello de Gondomar para apostar por unha mobilidade sostible e integral  

 Gerardo Rodríguez, candidato á alcaldía, moderou a mesa sectorial sobre mbilidade na que participaron os deputados provinciais Gregorio Agís e Iria Lamas, e a deputada en Cortes Olga Alonso  

 Rodríguez lamenta o bloqueo municipal aos proxectos de mellora das estradas provinciais e o abandono dos camiños rurais  


Participantes na mesa sectorial sobre mobilidade, organizada polo PSdeG-PSOE no centro sociocultural de Pedornes, no concello de Oia


Infogauda / Oia

 O PSdeG-PSOE vén de celebrar unha mesa sectorial sobre mobilidade no centro sociocultural de Pedornes, no concello de Oia. O acto, moderado por Gerardo Rodríguez Refojos, secretario xeral da agrupación local e candidato socialista a alcaldía de Oia, contou coa participación dos deputados provinciais Gregorio Luis Agís Gómez, membro da comisión de Infraestruturas Viarias e Mobilidade; e Iria Lamas Salgueiro, membro da comisión de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente; así como María Olga Alonso Suárez, deputada por Pontevedra e portavoz da Comisión de Asuntos Exteriores, no Congreso dos Deputados. 

 Gerardo Rodríguez aplaudiu o modelo de mobilidade integral da Deputación de Pontevedra, que xa se traduciu no máis dun cento de obras realizadas nas estradas provinciais nos últimos anos para a construción de sendas peonís ou plataformas de convivencia, sempre con prioridade peonil. Un modelo con case unha década xa de percorrido práctico, en contraste co atraso das estradas da Xunta de Galicia. Destacou que a acción da Deputación concrétase tamén na evidente transformación dos espazos públicos de titularidade municipal, para a creación de pobos, vilas e núcleos rurais máis habitables”.  Precisamente, puxo en valor o cambio acometido nestes últimos anos en Gondomar, coa humanización de todo o centro urbano, en contraste co atraso de Oia neste ámbito”. 

 Gerardo Rodríguez aproveitou para interesarse polo estado do proxecto de transformación da estrada provincial da baixada ao Mosteiro de Oia, que leva 8 anos pendente de que o Concello colabore para a consecución e/ou expropiación dos terreos afectados. Unha obra que a Deputación viuse imposibilitada de realizar diante da falta de interese municipal”. Ademais, propuxo unha actuación integral para comunicar o tránsito peonil entre os núcleos de Burgueira, Torroña e Loureza e os seus recursos paisaxísticos ao longo da estrada provincial”. Destacou, ademais, o abandono dos camiños de moitos núcleos pola desidia do Concello, incapaz [de xestionar] os recursos do Plan Concellos, cos que a Deputación asigna a Oia preto de medio millón de euros anuais, totalizando máis de 4 millóns de euros nos dous últimos mandatos

 Durante o acto, no que participaron máis dunha trintena de veciños e veciñas explicouse polo miúdo “o carácter das intervencións da Deputación en todo O Baixo Miño e a provincia, e detallouse a aposta da Administración provincial por avanzar non só na seguridade viaria, senón no marco do principio da mobilidade integral, asignando sempre a prioridade ás persoas que camiñan” fronte “á ditadura do vehículo privado, que ata hai ben poucos anos parecía inamovible”. 

 Tamén abordáronse durante a xuntanza as medidas adoptadas polo Goberno de España no “escudo social” durante e despois da pandemia “para propiciar a mobilidade como un dereito a través de bonificacións nos combustibles e no transporte por autobús e por ferrocarril”.  

 Con esta mesa sectorial, o PSdeG-PSOE inicia unha xeira de comparecencias por toda a provincia nas que irá abordando o impacto de diferentes políticas públicas na calidade de vida da xente. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario