José Carlos Martínez Crespo pon en valor os 7.7 millóns de euros de investimentos realizados no Rosal pola Deputación de Pontevedra
Infogauda / O Rosal
José Carlos Martínez Crespo, candidato á alcaldía do Rosal polo PSdeG-PSOE, vén de facer “un balance positivo dos investimentos realizados pola Deputación de Pontevedra nos últimos anos, cunha inversión total de 7.7 millóns de euros”.
“Este investimento - indica José Carlos Martínez - constitúe máis do dobre que se investiu cando gobernaba Louzán neste ente provincial nunha comarca especialmente castigada a nivel de investimentos, o que amosa a nova forma de gobernar da socialista Carmela Silva ao fronte da Deputación de Pontevedra, máis fondos para todos os concellos, sen depender do ciclo electoral nin da cor política, e sen agravios comparativos”.
“A Xunta de Galicia, que en outras comarcas focaliza os seus investimentos nos concellos onde goberna o PP, simplemente non existe no Baixo Miño. Parecería que o Baixo Miño non é Galicia”, reprocha Martínez Crespo.
O cabeza de lista do PSdeG-PSOE valorou “os 550.000 euros investidos polo goberno provincial na reforma da Praza de Abastos do Rosal, que supuxo unha mellora moi importante para este espazo, así coma os 100.000 euros adicados á reforma das Escolas de Fornelos, todas esta sobras realizadas no marco do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, que se suman ás 66 obras realizadas neste plan no Rosal cun importe total de 4.568.186 euros”.
José Carlos Martínez Crespo tamén fixo “balance dos 517.938€ aportados pola Deputación de Pontevedra para as obras de remodelación da Praza do Calvario, investimentos con cargo ao Plan REACPON”.
A nivel de infraestruturas Crespo salientou “a gran obra do itinerario peonil continuo de Tabagón-Goián, cun trazado de 4,5 Km que unirá o Rosal con Tomiño e que poderá ser unha realidade entre finais de 2023 e comezos de 2024, sendo esta unha obra referente na nova estratexia de mobilidade da Deputación e para a cal se realiza un investimento total nas tres fases destas obras de case 1,9 millóns de euros”.
Para José Carlos Martínez Crespo “queda de manifesto que os investimentos da Deputación de Pontevedra no Rosal constitúen unha mellora substancial en tódolos aspectos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario