13 de mar. de 2023

O ROSAL

Conto musical para gozar en familia con Belén Otxotorena e a Banda da Agrupación Musical do Rosal  

 Este sábado 18, ás 20:30 horas traerán ao auditorio municipal o espectáculo ‘Noé, Noemí e Noemilia. Sete animais e a súa familia’  



Infogauda / O Rosal

 O auditorio municipal do Rosal prepárase para acoller o sábado 18 de marzo ás 20:30 horas, un encontro interactivo entre as familias e a banda de música. A Banda da Agrupación Musical do Rosal acompañará a Belén Otxotorena na interpretación de ‘Noé, Noemí e Noemilia. Sete animais e a súa familia’, un innovador conto musical inspirado nun divertido poema colombiano e nunha das historias máis antigas da humanidade, a Arca de Noé. 

 O prezo da entrada será de 2 euros e poderán mercarse no propio auditorio, en Milar-Teleson e en Puntera Zapatos.

 Otxotorena dará vida a unha obra na que as composicións de Andrés Valero e de Óscar Navarro serán as protagonistas. Unha historia que conta as vivencias de Noé, Noemí e Noemilia, que vivían placidamente pescando cada un nun lugar diferente do mundo ata que corenta días e corenta noites chovendo a esgalla os obrigaron a subirse a unha arca xigante. 

 Con estudos musicais e de teatro, Belén Otxotorena é escritora, coautora de contos e guías didácticas e escritora de relatos musicais para toda a familia. Ten participado en espectáculos con moitas bandas musicais por toda España, así como coa Orquestra Sinfónica de Galicia e a Orquestra Sinfónica de Castela e León. Aínda que o que sen dúbida a caracteriza é a súa emoción ao subir ao escenario e o seu desexo de espertar a imaxinación de grandes e cativos e cativas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario