O REVITALIZA PON EN MARCHA UNHA CAMPAÑA DE SEGUIMENTO DE MÁIS DE 5.300 COMPOSTEIROS INDIVIDUAIS NA PROVINCIA
• As visitas realízanse nos concellos Revitaliza máis avanzados como complemento ao traballo das mestras e mestres compostadores
• En Tomiño, Tui e A Guarda supervisaranse os recipientes de preto de 3.000 familias
Infogauda / O Baixo Miño
O Revitaliza ten en marcha unha campaña de seguimento dos composteiros individuais (COIN) na provincia que chegará a máis de 5.300 familias. Persoal da empresa SM, encargada dos traballos, comprobará –de maneira paralela á actividade das mestras e mestres compostadores municipais- que o proceso de compostar se realiza correctamente en todos os recipientes entregados e controlados pola plataforma Revitaliza, unha aplicación informática que garante a trazabilidade e seguridade de todo o modelo de compostaxe provincial.
Os concellos e o número de COIN que visitados son os que xa están na coñecida como Fase 2 do Revitaliza, na que a maior parte dos biorresiduos se xestionan mendiante compostaxe, e outros interesados no proceso: Tomiño (2.207); Illa de Arousa (204); Valga (1.005); Poio (332); Tui (515); Moaña (252); Cangas (146); Bueu (214); Sanxenxo (135); Gondomar (100); e A Guarda (230) colocados en sendos territorios. Dende inicios deste ano 2022 estanse a facer as revisións. Nos concellos máis avanzados xa practicamente finalizaron e os demais foron comezando os servicios en febreiro e marzo e continuarán a andar en abril, prolongándose aínda durante varias semanas.
As funcións de mantemento, a parte da entrega dos COIN se os concellos non o fixeron, son as mínimas de seguimento que se deben realizar e rexistrar: nivel de enchido do material; toma de temperatura; comprobación (semicuantitativa) da humidade do material en proceso; fotografía do COIN no lugar instalado coa súa data; comprobación visual de ausencia de roedores no interior do COIN, de exceso de insectos, presencia de cheiros ou calquera outra molestia observada; e, no caso de presenza dalgún problema, solución “in situ”, ou cando menos informe para unha posterior solución. Todos estes datos súbense a APP do Revitaliza de maneira inmediata.
Este seguimento persoal únese ao realizado con anterioridade por vía telefónica e tamén a través das mestras e mestres compostadores e entidades colaboradoras (Adega, AdT ou FRUGA) para subir na plataforma de control. Durante o contacto as familias usuarias teñen unha atención e directa e poden reforzar tamén a súa formación sobre a compostaxe en xeral e resolver as dúbidas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario