5 de mar. de 2023

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A ENTIDADE LOCAL MENOR DE CAMPOSANCOS CONMEMORA O DÍA INTERNACIONAL DA  MULLER TRABALLADORA  

 Os traballos poderanse ver a partires deste domingo, día 5 de marzo ao longo das beirarrúas camposinas, parques e espazos comúns, entre os que destaca O Palomar




Infogauda / Camposancos 

 A Entidade Local Menor (E.L.M.) de Camposancos, coincidindo co Día Internacional da Muller Traballadora, estrea una nova iniciativa: A muller de onte”. 

 Este proxecto colectivo e participativo, que conta novamente coa colaboración e implicación da veciñanza, consiste nunha colección de figuras de mulleres anónimas construídas en madeira, nas que se amosan os traballos que realizaban no pasado. 

 A exposición é unha retrospectiva deses traballos que ían desde a crianza dos fillos, fillas e persoas anciás, ao traballo nas leiras, á recollida de batume, gateño e leña no monte, e do argazo no mar, o debullado e cribado do gran, o carrexo da auga da fonte, o coidado e crianza dos animais, lavar a roupa ou semear as leiras,... Traballos do día a día de mulleres con apenas recoñecemento. 




 “Con este proxecto a Entidade Local Menor de Camposancos, pretende poñer en valor o traballo invisibilizado das mulleres doutra época. Mulleres como as nosas nais ou avoas, que se fixeron cargo desas tarefas imprescindíbeis. É ben merecido que reciban o noso recoñecemento”, afirmou a presidenta da E.L.M., Mª Mercedes Martínez Vázquez. 

 Os traballos poderanse ver a partires deste domingo, día 5 de marzo ao longo das beirarrúas camposinas, parques e espazos comúns, entre os que destaca O Palomar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario