6 de mar. de 2023

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Marisol Soengas e Juan Ruiz Bañobre reciben os Premios Ramiro Carregal de Investigación Oncolóxica 2023   

A xefa do Grupo de Melanoma do CNIO recibe o Premio Internacional, que chega á súa undécima edición, mentres que o Premio a Talentos Emerxentes recae no Dr. Ruiz Bañobre, oncólogo médico e investigador do CHUS  

O empresario e mecenas Ramiro Carregal felicita aos premiados e agradece a todas as persoas que presentaron candidatura o "enorme esforzo, a dedicación e o traballo que desenvolven en prol de toda a sociedade"   


O empresario e mecenas Ramiro Carregal - á der. - cos demais membros do Xurado

Teresa Rocamonde / Santiago de Compostela 

 María S. Soengas, unha das investigadoras máis prestixiosas do mundo na loita contra o melanoma, o cancro de pel máis común e letal, é a galardoada este ano co Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal. Así o acaba de anunciar o Xurado, que fallou tamén o Premio a Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica en favor do oncólogo médico e investigador Juan Ruiz Bañobre.   

 Once anos despois da súa posta en marcha, e tras incrementar a contía do premio a 30.000 euros, o empresario arousán Ramiro Carregal mantén o seu apoio a esta iniciativa pola que sempre mostrou un especial interese e agarimo. Un mecenado que serve para apoiar a investigación oncolóxica pero tamén como exemplo do importante papel que deberían ter o mundo empresarial e a sociedade "en algo tan esencial como é a sanidade, que nos afecta e concierne a todos", explica o empresario.  

 Ramiro Carregal móstrase moi satisfeito coa decisión do Xurado de premiar a Marisol Soengas, "un exemplo de traballo, dedicación e resultado dunha investigadora galega que é recoñecida en todo o mundo". O empresario felicita aos premiados e agradece a todas as persoas que presentaron candidatura o "enorme esforzo, a dedicación e o traballo que desenvolven en prol de toda a sociedade".  

Marisol Soengas, XI Premio Internacional 

 Marisol Soengas (Agolada, 1968) desenvolveu a súa actividade en diversos centros internacionais como o Cold Spring Harbor Laboratory, de Nova York ou a Universidade de Michigan. Desde 2008 lidera o Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) cuxo principal obxectivo é trasladar a investigación básica en melanoma á práctica clínica mediante a identificación de marcadores novos desta enfermidade e dianas para o desenvolvemento de fármacos. Soengas e o seu grupo de investigación conseguiron nos últimos anos  grandes fitos, particularmente na visualización e bloqueo das metástases no melanoma, que obtiveron recoñecemento internacional. Pero tamén destaca a súa implicación por alentar as vocacións científicas entre as nenas e mulleres para reducir a brecha de xénero e reverter estereotipos, así como a súa colaboración en entidades que tratan de visibilizar e impulsar o talento feminino.  


A investigadora Marisol Soengas
 

 “Como científica e como galega, este premio é todo un orgullo, tamén polo que supón de visibilización do talento feminino en investigación na oncoloxía básica e clínica”, indicou Marisol Soengas ao coñecer o fallo do Xurado. O presidente do mesmo, o Dr. Rafael López, quixo sinalar "as destacadas contribucións de María Soengas á investigación básica e traslacional do melanoma así como os seus avances cara a un mellor tratamento deste tipo de tumor, que é o máis agresivo dos cancros de pel".   

Juan Ruiz Bañobre, IV Premio a Talentos Emerxentes  

 Xunto con Soengas, foi recoñecido co IV Premio a Talentos Emerxentes, dotado con 10.000 euros, o Dr. Juan Ruiz Bañobre (Maniños, 1998), oncólogo médico e investigador (programa Juan Rodés - ISCIII) no Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela - grupo Oncomet (Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela), ademais de investigador principal do equipo de Oncoloxía Traslacional no grupo Xenomas e Enfermidade.  


O Dr. Juan Ruiz Bañobre

 As súas principais liñas de investigación inclúen o desenvolvemento de biomarcadores preditivos para diferentes axentes antineoplásicos, a comprensión da evolución do cancro desde perspectivas multiómicas e inmunolóxicas, así como o desenvolvemento e implementación na clínica de novos enfoques de biopsia líquida que poidan axudar no manexo dos pacientes con cancro. Desde un punto de vista clínico e traslacional, o seu traballo céntrase nos cancros gastrointestinales, as neoplasias xenitourinarias e xinecolóxicas, e as síndromes hereditarias de predisposición ao cancro.  

 O Dr. Rafael López, presidente executivo do Xurado, felicitou aos gañadores, "cuxos perfís demostran novamente o enorme prestixio internacional desta convocatoria á que se presentan cada ano decenas de candidaturas de todo o mundo nas que están algúns dos investigadores e investigadoras máis relevantes do momento". 

 Os dous premiados recollerán os seus galardóns, como é habitual, nunha cerimonia que terá lugar en Santiago de Compostela nas próximas semanas.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario