31 de mar. de 2023

BAIONA

A Xunta impulsa en Baiona a formación especializada para artesáns nos Días Europeos da Artesanía  

 A xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou o curso de “Conformado de sombreiros de feltro”, impartido por Nina Paulowsky en Espacio Hylica


A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, en Baiona, coas persoas participantes no curso de “Conformado de sombreiros de feltro”, impartido por Nina Paulowsky

Foto: X.G.

Infogauda / Baiona

 A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta semana en Baiona o desenvolvemento do curso de “Conformado de sombreiros de feltro”, impartido por Nina Paulowsky, mestra sombreireira e presidenta da Asociación Española de Sombreirería. A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación continúa así, no marco dos Días Europeos da Artesanía, co seu programa de formación especializada dirixido a obradoiros que forman parte da marca Artesanía de Galicia, co obxectivo de consolidar a súa profesionalización e incrementar a súa competitividade.

 Este curso, no que participaron dez artesáns, estivo enfocado á creación de sombreiros en feltros a través de moldes, diferentes aprestos, adornos e remates. Con esta actividade formativa péchase o proxecto Menestralía, impulsado por Espacio Hylica durante todo o mes de marzo para divulgar os oficios vinculados ao traballo coa la, e que contou coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia.

 Os Días Europeos da Artesanía son unha iniciativa promovida en España pola Escuela de Organización Industrial (EOI) e pola súa área de promoción da artesanía, Fundesarte, no que a Xunta de Galicia colabora por décimo primeiro ano consecutivo. A Fundación Artesanía de Galicia foi de novo a encargada de coordinar o programa de actividades na Comunidade, no que participan máis de 50 obradoiros de Artesanía de Galicia e outras entidades asociativas e centros de divulgación da artesanía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario