30 de mar. de 2023

A GUARDA

NOVO PULO AO POLÍGONO INDUSTRIAL DA GUARDA-O ROSAL 

 Suelo Empresarial del Atlántico e Zona Franca comprometéronse para dar un maior impulso ás instalacións. O estudo económico-financeiro amosa a viabilidade para o desenvolvemento de 260.000 m2 de chan solo industrial e empresarial 


O alcalde de A Guarda e a alcaldesa do Rosal, con membros dos respectivos Gobernos municipais; a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, e o delegado do Estado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades

Foto: C.O.R.

Infogauda / A Guarda

 A sociedade estatal Suelo Empresarial del Atlántico, SEA, dependente do Ministerio de Transportes, presentou este mércores na Guarda o estudo económico-financeiro que establece a viabilidade do futuro parque empresarial de 260.000 metros cadrados, que se desenvolverá en terreos compartidos entre esta localidade e O Rosal e que dará resposta á demanda existente na comarca e continuidade ao proceso iniciado en 2006 que quedara paralizado ata 2020.  

 No acto, a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, e o delegado do Estado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, comprometeron o seu apoio para impulsar de forma conxunta o desenvolvemento desta nova zona industrial. Sestayo subliñou que xa se leva tempo traballando para a recuperación dun polígono que quedou esquecido durante anos e que xa quedou constatado que é posible desenvolver coa colaboración das distintas administracións.  

 O plantexamento inicial establece o seu desenvolvemento por fases para axilizar o proceso de comercialización e poñer canto antes os terreos a disposición de persoas emprendedoras e empresas. “O noso obxectivo é traballar con rigor para conseguir asentar empresas na comarca do Baixo Miño pero tamén abrir un espazo de enorme importancia para as relacións con Portugal para establecer sinerxías de colaboración que permitan abrir as fronteiras cara a Galicia”, sinalou Sestayo.  

 SEA presentou no salón de actos da Guarda ante empresarios e empresarias e veciñanza o informe elaborado, que determina que o polígono terá unha extensión de algo máis de 26 hectáreas no espazo comprendido entre as estradas provinciais PO-353 e PO-354, dispoñendo esta última de conexión coa N-550 no núcleo das Patas. Desenvolveríanse 260.211 metros cadrados coa edificabilidade de 147.839 m2 que permitirían a creación de 42 parcelas.  

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, agradeceu a rápida resposta ofrecida dende SEA á solicitude de impulso ao polígono industrial, “esencial para o presente e o futuro da comarca” e que permitirá “dar resposta ás empresas que apostan polo seu desenvolvemento de calidade aquí”.  A rexedora puxo en valor a importancia da sostibilidade no desenvolvemento do parque empresarial, que permitirá “xerar sostibilidade porque ordenamos os servizos que ten que haber nun parque empresarial que responda ás necesidades das empresas que temos”, vinculadas a sectores como o vitivinícola ou pesqueiro. 

 Pola súa parte, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, mostrou o seu convencemento de que o desenvolvemento da comarca, ao igual que o de toda Galicia, pivota sobre “dúas condicións: que a comarca estea conectada para que a xente poida vivir aquí, pero tamén que quen queira poida desenvolver o seu proxecto persoal con traballo e empresas aquí”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario