30 de mar. de 2023

O ROSAL

O Concello incorpora 10 novos traballadores e traballadoras ao abeiro do Plan Concellos  

 O Goberno municipal acadou unha subvención de case 134.000 euros para as contratacións   


Un operario contratado ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra traballando nunha marquesiña da parada do bus escolar

Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal vén de incorporar ao seu cadro de persoal a 10 novos traballadores e traballadoras contratadas ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, unhas incorporacións que, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “non só dará unha oportunidade laboral a veciños e veciñas que estaban na procura de emprego, senón que permite reforzar e mellorar diferentes departamentos municipais”. 

 Entre as novas persoas contratadas atópanse tres oficiais de obras, que realizarán labores para o Concello durante oito meses e medio; catro peóns que se encargarán da limpeza viaria e da roza forestal durante 9 meses; unha persoa operaria de maquinaria forestal por seis meses e unha auxiliar de axuda no fogar por nove meses. Ademais, en xuño contratarase unha persoa oficial electricista por sete meses. 

 O Goberno municipal acadou unha subvención de case 134.000 euros da Deputación de Pontevedra, mentres que o Concello deberá achegar unha partida inicial de 3.200 euros á que deberá sumarlle a diferencia para adecuación ao salario mínimo interprofesional, cunha suba aprobada tras a concesión da axuda.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario