A asemblea do BNG municipal elixe a Sandra González como candidata á alcaldía de Tomiño
• Sandra González liderou o cambio e transformación do concello, converténdoo nun referente a nivel galego
Infogauda / Tomiño
A asemblea do BNG municipal de Tomiño vén de decidir por unanimidade elixir a Sandra González Álvarez como candidata á alcaldía tomiñesa para os comicios electorais do vindeiro 28 de maio.
Sandra González é licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela con varios másters e estadías no estranxeiro. Ademais, realizou un máster Executive MBA, na Escola de Negocios de Afundación que a levou a visitar a Universidade de Georgetown, en Estados Unidos, onde perfeccionou os seus coñecementos en relacións internacionais.
Dende o BNG salientan que “Sandra González leva 15 anos gobernando Tomiño e liderou o cambio e a transformación do concello non só no ámbito urbanístico e do espazo público, senón tamén pola súa aposta por políticas sociais centradas nas persoas cun formato de goberno amable. Unha nova forma de xestión que levou a Tomiño a converterse nun referente a nivel galego.”
“Para min é unha honra e estou moi agradecida da confianza depositada. Estamos cheos de ilusión de seguir mellorando Tomiño con alma e corazón”, afirmou Sandra González.
Ningún comentario:
Publicar un comentario