ENCONTROS MONOGRÁFICOS CO PATRIMONIO CULTURAL
RECUPERANDO O PATRIMONIO DA TRANSICIÓN DEMOCRÁTICA
Martes, 14 de febreiro de 2023
10:30 horas
Consello da Cultura Galega
Organiza: Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega Colabora: Grupo de investigación Hispona (Historia Política e dos Nacionalismos) da USC
Coordina: Emilio Grandío
SANTIAGO DE COMPOSTELA
Consello da Cultura Galega / Santiago de Compostela
Unha sociedade en cambio como a dos anos setenta demandaba un réxime que permitise transitar cara á democracia. Pero a cultura democrática había que construíla. Definir valores para que o diálogo, a deliberación pública —en definitiva, a esencia da democracia—, chegase primeiro á sociedade e a seguir se consolidase. A herdanza de catro décadas dunha ditadura militar anacrónica no contexto europeo occidental do estado do benestar provocaba desaxustes entre o que se dicía e o que se facía. Cumpría crear eses marcos polos que transitarían os novos espazos de convivencia.
O grupo de investigación Hispona (Historia Política e dos Nacionalismos, USC) e o Consello da Cultura Galega asinaron un convenio que pretende a comunicación pública e a posta en valor, mediante a dixitalización, a catalogación, o estudo e a divulgación, do rico fondo da colección privada de Miguel Gutiérrez (A Coruña), integrado por materiais de propaganda política impresa (adhesivos, carteis etc.) empregada en Galicia durante o período histórico da Transición e consolidación democrática. Trátase de fondos que ilustran un vieiro tan cheo de esperanzas como de incertezas.
Visualizaremos o efémero dalgunhas mensaxes e a consolidación posterior doutras nun proceso político complexo e pouco previsíbel. Evidenciaba unha sociedade que loitaba pola súa representatividade, por facerse oír, por incidir nunha ágora pública da que estivera ausente durante décadas. Mais tamén o entramado institucional dun Estado que se fora apartando dos novos rumbos sociais, e que precisaba agora procurar novas vías de expresión e actuación, baseadas na tolerancia, a representatividade e a apertura de miras. Confluencia nun camiño axexado tamén pola sombra da violencia e que, así e todo, contribuíu a construírmos entre todos e todas un futuro común.
Precisamente atopámonos neste momento nunha encrucillada na que depende da sociedade no seu conxunto preservar este patrimonio cultural que representan os feitos cara á «normalización democrática» daqueles anos. Unha riqueza que agora mesmo se conserva maioritariamente na memoria, no recordo, naqueles espazos íntimos dos colectivos das persoas que os protagonizaron. Depende de nós protexelos e visualizar todo aquel esforzo colectivo. Para iso, este encontro pretende percorrer este camiño: dende a pescuda académica actual que nos colocará naquel contexto ata a realidade do presente, coas perspectivas e camiños que se poden abrir de cara a asumilo como un potente e valioso patrimonio colectivo, máis necesitado que nunca dunha axeitada divulgación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario