2 de feb. de 2023

VITICULTURA

A Xunta de Galicia toma medidas fronte á praga de corentena Flavescencia Dourada da vide  

 Este organismo está presente en zonas próximas á fronteira con Portugal, onde xa se detectara con anterioridade

 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se establece a zona demarcada afectada e as medidas que se adoptarán para a súa erradicación, tanto de apoio a propietarios como a operadores profesionais  


Videiras afectadas pola praga Grapevine flavescence dorée phytoplasma 
Foto: Dr. Federico Bondaz, Plant Protection Unit of Val d'Aosta region (IT).


Infogauda / Santiago de Compostela

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se declara a presenza da praga de corentena denominada Flavescencia Dourada da vide, establécese a zona demarcada e adóptanse medidas urxentes para a súa erradicación e control en Galicia, tanto de apoio a produtores como a operadores profesionais. 

 A praga denominada Flavescencia Dourada da vide é provocada polo organismo denominado Grapevine flavescence dorée phytoplasma e transmitido por un insecto vector (Scaphoideus titanus). Antes de Galicia, xa fora detectada en Portugal, especialmente en zonas próximas á fronteira coa nosa comunidade. Dada a situación, Portugal declarou unha zona demarcada de Flavescencia Dourada lindeira con varios concellos fronteirizos de Galicia, polo que foi establecida unha zona tampón de 2,5 km coa fronteira. 

 A día de hoxe os datos de seguimento deste organismo mostraron a súa presenza en plantas illadas situadas nos concellos de Arbo, Crecente e As Neves, na provincia de Pontevedra, e no concello de Padrenda, en Ourense. Todos eles forman parte da zona demarcada de Flavescencia Dourada de 2,5 km respecto á fronteira con Portugal. Con todo, a zona demarcada fixada pola resolución que se publica hoxe -que inclúe a zona infestada e a zona tampón de 2 km- esténdese tamén a parcelas da Cañiza, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Tui e Tomiño. 

Medidas

 Así, dentro da zona demarcada os titulares das parcelas nas que se detecte a presenza de plantas infestadas ou insectos vectores das enfermidades deberán aplicar o antes posible un tratamento insecticida autorizado a todas as plantas. As plantas infestadas deberán ser arrincadas e destruídas baixo control oficial o antes posible. O máis recomendable é que esta destrución se realice in situ. Se non é posible, deberá realizarse nun rodal próximo, por incineración ou por algún outro método autorizado. 

 Ademais, no caso de que a parcela afectada teña máis dun 20% de plantas sintomáticas, deberán arrincarse e destruírse todas as plantas da parcela no caso de que as plantas afectadas non estean agrupadas. Acontece o mesmo no caso de zonas abandonadas. 

 No relativo aos viveiros e outros operadores profesionais dentro das zonas infestadas, terán que inmobilizar de xeito cautelar o material de vide (Vitis spp.) ata a súa inspección oficial. A maiores, deberán aplicar un tratamento insecticida autorizado e destruír todos os lotes infectados seguindo un procedemento específico. No caso de ter plantas ou lotes sospeitosos de portar a enfermidade pero que non detecten síntomas tamén deberán ser eliminadas. 

 Así mesmo, tamén cómpre arrincar e destruír todas as plantacións abandonadas das zonas demarcadas, así como eliminar as plantas silvestres do xénero Vitis spp. e aquelas que poidan ser portadoras da enfermidade, entre outras medidas preventivas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario