28 de feb. de 2023

O ROSAL

Arredor de 500 persoas gozarán de deporte e natureza na nova edición do Trail Adventure Muíños do Folón  

 A proba disputarase este domingo 5 de marzo con dúas modalidades con diferente distancia e desnivel 


A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante o acto de presentación desta nova edición, que contou coa presenza do responsable de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez; do concelleiro de Deportes, Germán Fernández; do director técnico da proba, Serafín Martínez; do presidente da Asociación Galega de Fibrose Quística, Juan da Silva; con representantes da Comunidade de Montes do Rosal; e de Julio e Ignacio, dous veciños do Rosal 

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 Todo listo para celebrar unha nova edición do Trail Adventure Muíños do Folón no Rosal. O vindeiro domingo 5 de marzo arredor de 500 corredores e corredoras daranse cita nun dos lugares máis emblemáticos do concello para participar na sexta edición dunha proba que cada ano supera as súas expectativas.  

 “É un orgullo ser o escenario que acolle unha proba que aposta pola saúde pero que tamén polo turismo e a natureza nunha contorna con gran valor paisaxístico e patrimonial como son os nosos muíños”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante o acto de presentación desta nova edición, que contou coa presenza do responsable de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez; do concelleiro de Deportes, Germán Fernández; do director técnico da proba, Serafín Martínez; do presidente da Asociación Galega de Fibrose Quística, Juan da Silva; con representantes da Comunidade de Montes do Rosal; e de Julio e Ignacio, dous veciños do Rosal “moi implicados que coñecen o monte e cada ano achegan o seu gran de area para que esta carreira saia adiante con éxito”

 Como na edición anterior, os e as participantes poderán elixir unha das modalidades da carreira, adaptadas a varios tipos de público: unha cun percorrido de 12 km e 450 metros de desnivel e outra de 21 km e 1.000 metros de desnivel positivo. Os dous percorridos, que terán como punto de saída e chegada a Praza do Calvario, percorrerá os muíños do Folón e do Picón, así como diferentes fervenzas e zonas naturais dunha beleza paisaxística e patrimonial incomparables. 

 Este trail é a segunda proba da Pontevedra Trail League, unha competición que promove a Deputación de Pontevedra e que este ano contará con persoas invitadas sorpresa que darán ambiente á carreira grazas á colaboración da Asociación Galega de Fibrose Quística, que participará no encontro para dar visibilidade a unha enfermidade moi descoñecida pola poboación. 

 As inscricións estarán abertas ata este mércores e poden facerse de maneira en liña en ou premendo nesta ligazón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario