7 de xan. de 2023

TOMIÑO

O Concello de Tomiño mellora a eficiencia enerxética do alumeado público na rúa Gondomar cun investimento de 39.000 euros 

 A nova instalación conta cun sistema de regulación que axusta os niveis de iluminación Esta actuación permitirá un aforro de enerxía e de mantemento de sete mil euros ao ano 


O Concello vén de completar os traballos de mellora do alumeado público na rúa Gondomar
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Tomiño segue avanzando na transformación enerxética do municipio. O Concello vén de completar os traballos de mellora do alumeado público na rúa Gondomar. En total, substituíronse 33 luminarias por luces LED de 135 watios, seguindo a normativa vixente. 

 A nova instalación conta cunha cualificación enerxética A e cumpre cos requirimentos de iluminación, calidade e confort visual regulamentados, conseguindo valores de iluminancia media de 30 lux e unha uniformidade por riba do 40%. Ademais, a instalación está dotada cun sistema de regulación que axusta os niveis de iluminación respectando os horarios nocturnos e tendo en conta as necesidades da veciñanza e do tipo de vía á que pertence. 

 O investimento, duns 39.000 euros, inclúe a garantía, mantemento e conservación da instalación durante 5 anos e permitirá un aforro medio dun 52% aproximadamente, é dicir, duns 7.000 euros anuais. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, asegura que dende o goberno municipal “seguiremos traballando para mellorar o benestar e a calidade de vida dos tomiñeses e tomiñesas ao tempo que apostamos por reducir o consumo enerxético e camiñamos cara sistemas de alumeado cada vez máis eficientes”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario