10 de xan. de 2023

DEPORTES

BALONMAN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés arrinca o ano coa reedición da final de Copa

 O equipo miñoto visita ao potentísimo Costa do Sol Málaga a tres días da eliminatoria europea (20:00) 

 A saturación de encontros a domicilio colocou ao Mecalia nunha novena praza da que quere escapar canto antes 

• A expedición partiu da Guarda ao fío da medianoite de onte e estará de volta o xoves pola mañá 




Infogauda / Deportes

 O deporte, como a vida, é unha sucesión de círculos. Un ciclo que difumina o seu final no principio doutro. Moito máis cando un novo ano comeza. Pasou o Nadal, a Noitevella, os Reis. E todo volve empezar. Tamén para o Mecalia Atlético Guardés, que afronta o reinicio competitivo cunha semana en grao sumo esixente. Este mércores visita ao Costa del Sol Málaga no partido adiantado da undécima xornada, a última da primeira volta. O motivo, a disputa dos oitavos de final da Copa Europea ante o H71 das Illas Feroe, a próxima fin de semana no pavillón municipal A Sangriña.  

 Como todos os camiños, este tamén hai que facelo paso a paso. O choque ligueiro é o que ocupa toda a atención da escuadra do Baixo Miño, que necesita sumar puntos independentemente da pista ou o rival que lle toque en sorte. Neste caso, un Costa del Sol Málaga confeccionado para pelexar por gañar todos os títulos. Xa levantou un o ano pasado, a Copa da Raíña, precisamente tras superar ao propio Atlético Guardés na gran final de Illumbe, en Donostia. Agora reedítase o partido en formato Liga Guerreiras Iberdrola.  

 O reto é maiúsculo. De novo, a domicilio, nunha primeira volta que concluirá coa friorenta de oito partidos como visitante. Un condicionante duro. O Mecalia contabilizou un punto dos 14 en xogo fóra de casa, o que lle supuxo complicacións clasificatorias. Ocupa a novena posición, que lle mandaría a xogar a liguiña de permanencia no caso de que a tempada terminase agora. Por sorte non é así e queda unha segunda volta con oito partidos na Sangriña. Unha arma fundamental.  

 Por se medirse ao terceiro clasificado da competición fose pouco, Abel González e as súas pupilas terán que superar dúas larguísimas viaxes en autobús de punta a punta da Península, coa ilusionante eliminatoria europea a tiro de pedra no horizonte. A expedición partiu ao fío da medianoite de onte para chegar a Málaga este martes pola mañá, adestrar en sesión vespertina en Ciudad Xardín e facer noite para encarar o máis descansadas posible o encontro. Sen escusas. Por iso, a pesar de todo, as xogadoras de vermello buscarán a primeira vitoria a domicilio este mércores. Tras o encontro, o persoal regresará novamente de madrugada en autobús para chegar a casa o xoves pola mañá.  

 En fronte estará un equipo con xogadoras diferenciais en todas as súas liñas. Desde Merche Castellanos na portería a Silvia Arderius no centro de operacións ofensivas, pasando por Sole López no extremo ou as ex xogadoras do Atlético Guardés, Estela Doiro e Gabriela Pessoa nos laterais. O equipo miñoto sabe que se xoga en equipo, vai estar en condicións de disputar a vitoria como pasou en Telde e en Donostia ante Bera Bera e Rocasa Gran Canaria, os dous primeiros clasificados. Ese é o obxectivo neste reinicio. Cos mellores desexos para 2023.

Ningún comentario:

Publicar un comentario