25 de xan. de 2023

COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA

O AECT RIO MINHO CONTRIBUIRÁ A CREAR UN NOVO PROGRAMA EUROPEO QUE REPARTIRÁ FONDOS PARA MELLORAR A GOBERNANZA TRANSFRONTEIRIZA  

 O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez participou hoxe en Bruxelas nunha reunión de traballo do proxecto piloto da CE e a OCDE ‘Building More Resilient Cross-border Regions’  

 O grande desafío para o territorio do Río Miño é crear un instrumento de cogobernanza con competencias reais e poder de decisión 


Uxío Benítez, director do agrupamento e deputado de Cooperación Transfronteiriza, nun momento da súa intervención na mañá de hoxe

Fotos: D.PO.



Infogauda / Bruxelas

 O AECT Rio Minho contribuirá a crear un novo programa europeo que repartirá fondos para mellorar a gobernanza transfronteiriza e buscará dispoñer dun instrumento de cogobernanza propio do territorio miñoto con competencias reais e poder de decisión para desenvolver políticas e actuacións que melloren a vida da veciñanza da raia.  

 Así o anunciou hoxe o director do agrupamento e deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez tras a súa reunión en Bruxelas na primeira reunión de traballo do proxecto piloto da Comisión Europea e a OCDE ‘Building More Resilient Cross-border Regions’ na que están involucradas outras catro rexións transfronteirizas en Europa.  

 O deputado destacou que o obxectivo do proxecto piloto que comezou hoxe é analizar a situación actual das rexións transfronteirizas para saber onde se deben investir os cartos europeos dese programa de nova creación similar ao Interreg, que a día de hoxe manexa 379 millóns de euros para axudar aos gobernos a solucionar problemas de desenvolvemento rexional.  

 O novo programa específico con fondos para mellorar a gobernanza multinivel quérese poñer en marcha logo de que a Unión Europea detectase graves problemas e afeccións sufridos polos territorios de fronteira ante a pandemia da COVID-19, agravados pola falta de cogobernanza e as diferentes políticas impulsadas polos diferentes gobernos (Portugal e España, no caso do Miño) a diferentes niveis –política fiscal, sanidade, transporte, educación, emprego...-. 

 Segundo subliñou Benítez, o AECT Rio Minho foi seleccionado para participar no proxecto piloto que contribuirá a sentar as bases dese programa pola súa importante actividade durante a pandemia, así como pola boa imaxe e o traballo amosado en diferentes webinars e sesións de traballo organizadas dende a Unión Europea nos últimos meses.  

 O obxectivo final e o desafío para o AECT Rio Minho coa participación no proxecto, destacou o director, é a creación dun instrumento ou entidade de cogobernanza propio do territorio miñoto que teña competencias delegadas dos estados centrais para poder actuar e resolver problemas reais na práctica. Neste sentido, Benítez destacou que agora mesmo o AECT traballa en poñer de acordo ás institucións que teñen potestade para gobernar, que están duplicadas nos dous países e sen apenas coordinación a pesares de que o territorio do río caracterízase por ter características comúns. “O río é un fenómeno natural e xeográfico máis antigo que as fronteiras e hai que derrubar os problemas administrativos que impiden valorizalo”, salientou.  

 En concreto, Benítez apuntou a necesidade de xestionar os valores naturais do río Miño de maneira conxunta para aproveitar os seus valores e potencialidades. Tamén subliñou a necesidade de regular a cidadanía transfronteiriza para que non se volvan producir os problemas derivados dos peches de fronteiras que se sufriron durante a pandemia. 


Uxío Benítez xunto as persoas participantes na reunión de hoxe en Bruxelas

 

 A reunión mantida na mañá de hoxe en Bruxelas serviu para establecer un calendario de traballo. Primeiramente os territorios participantes, neste caso o do Río Miño, terá que remitir á equipa de traballo da CE e a OCDE información básica sobre as súas características; un segundo paso será a realización de inquéritos na sociedade tanto a nivel público como privado; seguirán varias visitas ao territorio; novos encontros conxuntos, e a celebración dun foro final de conclusións. 

 As outras catro rexións piloto escollidas pola CE xunto ao territorio miñoto son lugares situados entre Bélxica e Francia -por medio da Eurometropolis Lille-Kortrijk-Tournai (GECT)-; Francia e Luxemburgo a través do GECT Alzette Belval & Pôle Métropolitain Frontalier du Nord Lorrain & PROL-SUD; Lituania e Polonia, a través da Asociación “Eurorrexión Niemen” e Municipio da cidade de Alytus; e  Andorra, Francia e España a través da Comunidade de Traballo dos Pireneos (CTP).

Ningún comentario:

Publicar un comentario