25 de xan. de 2023

ECONOMÍA

A nómina anual das pensións contributivas da provincia ascende a 260 millóns de euros  

Maica Larriba sinala que as pensións de xubilación na provincia subirán unha media de 90 euros ao mes en 2023 grazas ao incremento do 8,5 % aprobado polo Goberno  

• 246.282 xubilados e xubiladas de Pontevedra beneficiaranse desta suba 

• A revalorización supón 1.260 euros de aumento medio ao ano para cada pensión de xubilación na provincia. É dicir, é como recibir algo máis dunha mensualidade extra, ou quince pagas ao ano e supoñeralle ao Estado case 260 millóns de euros 


 Maica Larriba García, subdelegada do Goberno en Pontevedra
Foto: S. de G.

Infogauda / Pontevedra

 As pensións de xubilación dos pontevedreses e pontevedresas subirán unha media de 90 euros ao mes este ano tras a aprobación por parte do Consello de Ministros o pasado 27 de decembro dunha revalorización xeral das pensións do 8,5 % e outras prestacións abonadas polo sistema da Seguridade Social, co obxectivo de garantir o poder adquisitivo destas persoas nun contexto marcado pola alta inflación.  

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba García, informou que na provincia a pensión media de xubilación quedará en 1.217,95 euros ao mes desde a nómina de xaneiro. “Desde a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno, a revalorización supera o 25%, xa que en 2018 a pensión media de xubilación situábase en Galicia nos 927,78 euros”, subliñou. 

 A subdelegada incidiu en que “isto é posible grazas á blindaxe que fixo o actual Goberno do poder adquisitivo das persoas pensionistas, xa que, de terse aplicado a revalorización de 0,25% anual fixada polo PP en 2013, a pensión media de xubilación tería subido menos de 50 euros anuais. É dicir, co Goberno de Pedro Sánchez as pensións soben na provincia 90 euros, mentres que co PP a suba non chegaría aos 4 euros”.  

 Esta revalorización supón no caso de Pontevedra, 1.260 euros de aumento medio ao ano para cada pensión de xubilación. É dicir, que os pensionistas xubilados van recibir algo máis dunha mensualidade extra, ou quince pagas ao ano”. 

 No caso da provincia de Pontevedra, serán 246.282 persoas as que se beneficien desta suba, que representa un desembolso total anual en pensións contributivas de 260 millóns de euros, uns 22 millóns máis que o ano pasado. “Por poñer un exemplo, este incremento vai supor case a mesma cifra que o investido durante todo o ano pasado en infraestruturas na comarca de Pontevedra”, explicou Maica Larriba.  

 No caso de Galicia, a pensión media –incluíndo as pensións contributivas e non contributivas- sitúase nos 1.015,78 euros. No caso das de xubilación, que representan case dous terzos do total  (62,8%), a contía media ascende até os 1.160,85 euros. 

Resto das pensións 

 A subdelegada sinalou tamén que, alén das pensións de xubilación (que son maioritarias), tamén experimentarán unha suba  do 8,5 % na súa contía mensual a partir da nómina de xaneiro as pensións contributivas de incapacidade permanente, viuvez, orfandade e as de favor de familia.  

 Por outra banda, as pensións non contributivas de xubilación e invalidez e os perceptores do Ingreso Mínimo Vital manterán durante todo o 2023 o incremento extraordinario do 15 % aprobado en xuño de 2022 para paliar os efectos do encarecemento dos prezos.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario