A Guarda inaugurará este martes a exposición “O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción”
• A mostra estará na Casa dos Alonso, do 10 ao 26 de xaneiro
Infogauda / A Guarda
O martes día 10 de xaneiro de 2023 ás 10:00h terá lugar na Casa dos Alonso a inauguración da exposición “O noso Mundo, o noso futuro, a nosa opción”, que estará ata o próximo 26 de xaneiro, día da educación ambiental.
Nese acto de apertura da mostra contarase coa visita do alumnado do Colexio PP. Somascos, de A Guarda, que serán recibidos polo alcalde da vila, Antonio Lomba Baz e a concelleira de Medio Ambiente, Mª Montserrat Magallanes Álvarez.
Desde o executivo municipal inciden que “moitas das actividades que realizamos na nosa vida cotiá provocan, directa ou indirectamente, emisións de gases de efecto invernadoiro, e por tanto, contribúen a un dos principais problemas ambientais deste século: o cambio climático. A subida do nivel do mar, as ondas de calor, tormentas, inundacións,…, son algunhas das consecuencias que por todo o planeta xa está provocando o cambio climático. Nas nosas mans está impedir que isto suceda, pero é preciso que todos os actores sociais involúcrense na loita contra este fenómeno global.
Tamén cabe dicir que a temática do cambio climático é complexa, e como consecuencia hai un gran descoñecemento sobre el por parte da cidadanía. Con esta exposición preténdese dar a coñecer a todos os galegos e galegas o problema ambiental do cambio climático, informando sobre as súas causas e consecuencias a nivel global e tamén en Galicia. Ademais tenta estimular a participación e reflexión dos visitantes propoñendo novos comportamentos comprometidos e accións positivas co clima que loiten contra o cambio climático e fomenten un desenvolvemento máis equilibrado, social e ambientalmente.”
Esta exposición está baseada no proxecto CLARITY – Acción Educativa polo Clima – pretende contribuír ao coñecemento do fenómeno do cambio climático, as súas causas e respostas que se están propoñendo para facerlle fronte. CLARITY, deseñada en formato CD, é unha ferramenta que facilita a centros educativos, asociacións culturais, municipios e calquera outra organización interesada, a montaxe da súa propia exposición sobre cambio climático e a organización de actividades relacionadas.
A exposición conta con 19 paneis, ademais de un vídeo de 15 minutos que será proxectado no salón de plenos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario