9 de abr. de 2022

INVESTIGACIÓN

Os Premios do Campus Auga distinguen o talento das e dos investigadores da UVigo no eido dos recursos hídricos Foron distinguidos seis traballos de investigación, transferencia e divulgación científica

Onte venres celebrouse o acto de entrega destes galardóns  

Os premios distinguiron a publicación divulgativa Contaminación fluvial, cuxo autor é o biólogo e profesor da UVigo Manuel Ángel Pombal e coautores os tamén biólogos Noé Ferreira e Alfredo López


A der. da imaxe, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, cos investigadores/as galardoados

DUVI / Ourense

 O campus de Ourense celebrou onte venres o acto de entrega dos IV Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga, convocados anualmente pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e financiados por Viaqua. Nesta ocasión, son seis os traballos gañadores realizados por persoal docente e investigador e alumnado da Universidade de Vigo: unha tese de doutoramento, dous traballos fin de grao, dous artigos de investigación e unha publicación divulgativa centrados nos recursos hídricos desde diferentes perspectivas.

Colaboración público-privada

 No acto de entrega, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, felicitou ás e aos galardoados e agradeceu ás institucións públicas e empresas presentes no acto a súa colaboración no Campus Auga e en xeral coa institución académica. “Estamos traballando todos arreo nunha mesma liña. Estamos aquí sementando unha das pezas importantes para que Ourense efectivamente teña pulo aproveitando o seu potencial termal. A ver se entre todos, a través da investigación, o desenvolvemento, a divulgación e por suposto da colaboración público-privada, somos quen de dar un paso adiante e aproveitar os ventos que nos chegan agora de Europa”, afirmou Reigosa. O reitor lembrou ademais que actualmente está presentada á Xunta de Galicia a documentación para a acreditación do Campus Auga como proxecto de especialización e afirmou que “eu persoalmente penso que o traballo que se fixo é excelente”, agradecendo a Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e a Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga, así como aos predecesores de ambos, o seu traballo nesta iniciativa.

 Pola súa banda, o director do Campus Auga salientou que esta edición contou “cun nivel moi alto nas achegas científicas que concorreron”, destacando a importancia de que non só participa persoal docente e investigador senón tamén alumnado de grao e posgrao. Roberto Ignacio Fernández adiantou a intención de abrir estes premios ao conxunto da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para aproveitar “as súas potencialidades enormes”. Por último, Ana Tejeiro, xerenta de Viaqua, recalcou que estes galardóns son “froito da colaboración entre a Universidade de Vigo e Viaqua, andadura que deu comezo no ano 2016 e que supón sen dúbida un exemplo de éxito de colaboración público-privada, que é fundamental para o desenvolvemento”. Ana Tejeiro afirmou que “veñen anos apaixonantes no que imos afrontar grandes cambios e onde tamén imos precisar de todo o talento e todas as ganas que hoxe vemos aquí reflectidas no Campus Auga” pero, dixo, “co traballo conxunto do todos sen ningunha dúbida converteremos a Galicia e a Ourense nunha referencia na xestión da auga”.

 A entrega dos galardóns, amenizada polo grupo musical Sedici Corde, contou coa participación de Leticia Rodríguez, directora de Desenvolvemento Sostible de Viaqua; José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil; César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense; Armando Ojea, tenente de alcalde do Concello de Ourense; Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, e Emilio González, subdelegado de goberno, que coincidiron en destacar a importancia da investigación arredor da auga e destes galardóns.

Traballos galardoados

 O premio á mellor tese de doutoramento foi para Desenvolvemento e optimización do modelo hidráulico Iber+: aplicación a eventos de risco, realizada por Orlando García, investigador do Environmental Physics Laboratory (Ephyslab-CIM), da Universidade de Vigo, e dirixida por José Manuel Domínguez e Arno Formella. O seu traballo centrouse no ámbito da computación de alto rendemento, concretamente no programa Iber, referente internacional en modelaxe numérica de auga en dúas dimensións en cuxo desenvolvemento participa Ephyslab. O investigador aumentou a eficiencia computacional dos módulos hidrodinámico e de calidade de augas de Iber para mellorar a súa aplicación na análise e xestión de eventos de risco. Estas implementacións foron aplicadas no sistema Midas de alerta temperá de inundacións para o río Miño.

 Na modalidade de traballos fin de grao e mestrado, foi premiado o traballo fin de grao Aproveitamento xeotérmico para espazo termal de uso lúdico: Burga do Muíño, Ourense, realizado polo alumno da Facultade de Ciencias Rubén González e titorizado polos profesores José Ángel Cid e Pedro Araújo. Nel propuxo un aproveitamento lúdico durante todo o ano deste espazo a través de pozas cubertas, aproveitamento reproducible noutras termas con problemática de inundacións. Tamén se concedeu un accésit ao alumno do mesmo centro Mamadu Seideba polo seu traballo fin de grao Mellora do sistema de abastecemento de auga para consumo humano nunha poboación de Guinea Bissau, dirixido pola profesora Concepción Pérez Lamela. Atendendo aos problemas existentes no seu país de xestión da auga, o seu traballo centrouse en mellorar un sistema de abastecemento, xestión e aproveitamento deste recurso nunha zona de Guinea Bissau.

 O galardón á mellor contribución científica contribución científica foi para o artigo Hydrometereological droughts in the Miño-Limia-Sil hydrographic demarcation (northwestern Iberian Peninsula): the role of atmospheric drivers, do que é autor Rogert Sorí e coautores Marta Vázquez, Milica Stojanovic, Raquel Olalla Nieto, Margarida Liberato e Luis Gimeno, membros do grupo Ephyslab. Publicado en Natural Hazards and Earth System Sciences, da European Geosciences Union, no traballo identificáronse as secas meteorolóxicas que afectaron á demarcación hidrográfica Miño–Limia–Sil durante o período 1980-2017, facendo fincapé na investigación da circulación atmosférica como impulsora de diferentes condicións de seca. Investigadores do mesmo grupo xunto a outros colaboradores acadaron tamén un accésit nesta categoría polo artigo publicado na revista Water titulado MIDAS: A New Integrated Flood Early Warning System for the Miño River, do que é autor Diego Fernández e coautores Orlando García, José González Cao, Carlos de Gonzalo Aranoa, José Antonio Rodríguez, Carlos Guillermo Ruiz e Ramón Gómez Gesteira. Nel presentan o Miño Flood Alert System (Midas), sistema de alerta temperá de inundacións para a conca internacional Miño-Limia. Este sistema é froito do proxecto Risc Miño-Limia, financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal (Poctep) e liderado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil. 

 Por último, os premios distinguiron a publicación divulgativa Contaminación fluvial, cuxo autor é o biólogo e profesor da UVigo Manuel Ángel Pombal e coautores os tamén biólogos Noé Ferreira e Alfredo López. Trátase dun caderno didáctico e monográfico editado pola asociación ANABAM no marco do proxecto Contaminantes Emerxentes nas Augas de Galicia-Norte de Portugal (Norwater).

A GUARDA

Andainas A Guarda - Caminha 2022  

O próximo luns 11 de abril ábrese o prazo de inscrición




Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda e a Câmara Municipal de Caminha organizan a actividade Andainas Primavera 2022 como en edicións precedentes, ainda que as previstas no ano 2020, tiveron que cancelarse coa chegada da pandemia.  

 Este ano retómase esta actividade na que veciños galegos e portugueses gozaban de espazos naturais e patrimoniais de ambos os dous países.  

 Nesta primavera organízanse 4 andainas e que terán un custe de 10€ por andaina e persoa e como en edicións anteriores os participantes galegos sairán da explanada da Sangriña en autocar para xustarse co autocar de Caminha. 

 Os horarios de saída e regreso están pendentes de confirmar.  

 As prazas son limitadas polo que se abre un prazo de inscrición para as persoas interesadas a partir do luns 11 de abril. A inscrición realizarase na Oficina de Turismo, da praza do Reló, e priorizarase a inscrición presencial.

 Datas e roteiros das Andainas Primavera 2022.

A PASAXE (CAMPOSANCOS) A GUARDA

A Xunta de Galicia habilita unha embarcación para atravesar o río Miño entre A Guarda e Caminha que dará servizo a veciños, turistas e peregrinos do Camiño da Costa  

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, salientou que este novo servizo, Xacobeo Transfer, potencia o Camiño Portugués pola Costa xa que permite aos peregrinos atravesar directamente desde Caminha a A Guarda e viceversa  

Turistas e peregrinos contarán xa nesta Semana Santa cun servizo de transporte de dúas embarcacións, unha delas eléctrica, e a partir de xullo vaise habilitar un barco exclusivo para este servizo de propulsión eléctrica con capacidade para 12 viaxeiros que conectará os dous peiraos  

O novo servizo xogará a favor da afluencia turística nunha Semana Santa na que as expectativas ofrecen cifras similares ás da prepandemia  

Alfonso Rueda indicou que o Camiño é “un nexo de unión entre Galicia e o norte de Portugal que crea riqueza e emprego ás dúas marxes do río Miño”  


O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na praza da IIª República, preto do embarcadoiro de A Pasaxe (Camposancos), nun momento da súa intervención, en presenza do delegado territorial da Xunta en Pontevedra; do alcalde de A Guarda e da alcaldesa de Oia, e doutras representacións

Fotos: X.G.
O alcalde e a tenente de alcalde de A Guarda, co delegadao territorial da Xunta de Galicia e acompañantes, a bordo da embarcación que hoxe entrou en servizo



Infogauda / A Pasaxe (Camposancos) 

 O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López Diéguez; do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; a da tenente de alcalde de A Guarda, Mª Montserrat Magallanes Álvarez; e do concelleiro de Turismo, Rafael Álvarez Martínez, e outros membros da corporación municipal guardesa, coñeceu hoxe o proxecto Xacobeo Transfer, un novo servizo de turismo náutico sostible habilitado no Baixo Miño para conectar a localidade galega de A Guarda coa localidade portuguesa de Caminha e do que poderán beneficiarse tanto os veciños como os turistas e peregrinos do Camiño Portugués da Costa.

 Desde hoxe, os peregrinos que queiran cruzar desde Caminha a A Guarda, e viceversa, dispoñen de dúas embarcacións, unha delas eléctrica, que une os dous peiraos. O novo servizo facilita e promove o Camiño de Santiago seguindo o itinerario que parte do Porto e pasa por Labruge, Póvoa de Varzim, Esposende, Marinhas, Viana do Castelo e Caminha e que entra en Galicia pola Pasaxe (Camposancos) A Guarda, pasando despois por O Rosal, Oia, Baiona, Nigrán e Vigo ata unirse co Camiño Portugués, en Redondela.

 O vicepresidente primeiro subliñou que supón tamén un atractivo para o turismo en xeral e un novo servizo para os veciños a un e outro lado do Miño. “O Camiño é un nexo de unión entre Galicia e o norte de Portugal que crea riqueza e emprego”, dixo Rueda en relación aos proxectos conxuntos que Galicia e o norte de Portugal levan artellando dende hai décadas en beneficio da súa veciñanza.

 O novo servizo reforzarase a partir do mes de xullo coa habilitación dun barco propio e exclusivo de propulsión eléctrica con viaxes regulares nos dous sentidos. Esta actividade levarase a cabo a través do convenio asinado entre Turismo de Galicia e a Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan+) que se fará cargo do transporte.

 O proxecto de turismo náutico complétase con melloras no peirao da Guarda e coa sinalización da ruta xacobea e dos servizos complementarios habilitados na zona no marco dun plan de potenciación do Baixo Miño que inclúe tamén rutas de sendeirismo e itinerarios pola zona con medios de transporte sustentables.

O CAMIÑO PORTUGUÉS POLA COSTA: UNHA RUTA XACOBEA CHEA DE ATRACTIVOS

 Alfonso Rueda manifestou a súa satisfacción pola posta en marcha dun proxecto que era prioritario para o Goberno galego que, no marco do Xacobeo, traballa na potenciación do Camiño e que quere poñer en valor a variante do Camiño Portugués pola Costa, unha ruta chea de atractivos que nos últimos tempos non deixa de medrar e que no que vai de ano supera xa os 700 peregrinos que recolleron a súa Compostela.

 O vicepresidente primeiro destacou o feito de que este novo servizo bote a andar coincidindo coa entrada nunha Semana Santa cunhas previsións moi favorables para a ocupación turística en Galicia. Estas expectativas vanse ver reforzadas co proxecto de turismo náutico que favorecerá, sobre todo, a promoción do Baixo Miño. “As previsións son moi boas e poderían acadarse cifras semellantes ás da prepandemia ou incluso mellores, case históricas”, asegurou Alfonso Rueda.

VIGO

A folga do persoal de Elecnor, contrata de R, para reclamar a subrogación pasará a ser indefinida a partir deste luns día 11  

O persoal pontevedrés secundou numerosas xornadas de paro dende o 28 de marzo e levou a cabo unha intensa campaña de mobilizacións 


Mobilización do persoal pontevedrés de Elecnor
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 O persoal pontevedrés de Elecnor, empresa vasca encargada dos traballos de instalación e mantemento da compañía R Cable, acordou que a folga para reclamar a subrogación por parte da nova compañía encargada do servizo pasará a ser indefinida a partir deste luns 11 de abril. 

 Dende o pasado 28 de marzo os traballadores/as secundaron de xeito total numerosas xornadas de folga e levaron a cabo unha intensa campaña de mobilizacións, tanto diante da propia empresa no polígono industrial do Rebullón, en Mos, como ás portas de R en Vigo. 

 Dende a CIG-Industria denuncian que os empregados/as de Elecnor quedarán na rúa no caso de que a nova subcontrata, a empresa valenciana Obremo, non asuma os seus contratos, algo que si fixo na provincia de Ourense. Isto foi posíbel porque o convenio colectivo provincial do Siderometal ourensán contempla a subrogación entre empresas privadas, algo que non figura no convenio de Pontevedra. Deste xeito, cando remate a concesión os arredor de 40 traballadores/as de Elecnor serán despedidos/as se R Cable non lle reclama á nova subcontrata que os subrogue. 

 Elecnor, cuxa representación sindical está formada por 2 delegados/as de persoal da CIG e 1 de CCOO, ten o seu centro de traballo no polígono do Rebullón, en Mos, pero os seus empregados/as prestan servizo de instalación e mantemento para R Cable por toda a provincia de Pontevedra.