23 de dec. de 2022

OIA

Actividades para todos os públicos este Nadal en Oia  

 A programación do Concello de Oia ábrese mañá día 24 coa visita de Papá Noel e pecharase o 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis   




Infogauda / Oia

 O Concello de Oia comeza mañá sábado a súa programación de Nadal, composta de diversas actividades a celebrar nas distintas parroquias do municipio. Visitas de Papá Noel e Reis Magos e obradoiros de cociña son as principais propostas, aptas para todos os públicos pero especialmente enfocadas para o desfrute dos máis pequenos e pequenas de cada casa.   

 A visita de Papá Noel polo concello será a actividade encargada de abrir, mañá día 24, a programación municipal. No seu percorrido por Oia, que comezará arredor das 10.00 horas, o ilustre personaxe irá nun vehículo navideño moi especial e acompañado de música. A  veciñanza poderá saír a recibir a Papá Noel cando escoite a melodía que avisa da súa chegada. Así, el irá facendo as paradas para saudar e escoitar aos nenos e nenas que atope no seu itinerario.  

27 de decembro festivo local  

 O Concello lembra que o próximo martes día 27 de decembro, Santa Uxía, será festivo local. 

 Por outra banda, os días 29 e 30 de decembro e o 4 de xaneiro haberá un taller infantil de cociña na casa cultural de Viladesuso. A actividade é gratuíta organízase en colaboración coa asociación de veciños desta parroquia. Desenvolverase en horario de 10.00 a 13.00 horas e está recomendada para nenos e nenas de 6 a 15 anos. As prazas son limitadas e para poder participar é preciso inscribirse no Concello ata o 28 de decembro.   

 O día 3 de xaneiro haberá outra proposta culinaria, neste caso un obradoiro de decoración de madalenas para nenos e nenas a partir dos 4 anos de idade que terá lugar nas Escolas de Torroña. A actividade desenvolverase en horario de 10.30 a 13.00 horas.

Cabalgata de Reis

 E, para poñer o broche final ao programa de actividades de Nadal, o 5 de xaneiro terá lugar a tradicional cabalgata de Reis en Oia. As súas maxestades de Oriente irán visitando as distintas parroquias a bordo das súas carrozas e acompañados da súa comitiva, ao igual que acostuman facer cada ano nesta sinalada data. Proximamente detallaranse horarios e itinerario. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario