23 de dec. de 2022

OIA

O Concello de Oia recibirá da Deputación de Pontevedra 107.070 euros para a contratación de 8 persoas 

 O goberno da Deputación arranca o Plan Concellos 2023 coa aprobación das primeiras achegas da Liña 3 para a activación do emprego.  


A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Sila Rego, con Gerardo Rodríguez Refojos, portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Oia
Foto: Cedida


Infogauda / Oia

 Como adiantamos na edición de onte deste xornal dixital transfronteirizo, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deu luz verde este venres a un total de 422.300 euros para que os concellos das Neves, Oia, Catoira e Pazos de Borbén poidan contratar a 40 persoas para servizos municipais. Estes primeiros recursos forman parte dos 9,5 millóns de euros que a Deputación vai distribuír no 2023 entre os concellos de menos de 50.000 habitantes ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos, que foi reformulada para adaptala á Reforma Laboral poñendo en marcha un Programa propio de Políticas Activas de Emprego. “Non se pode ser máis áxiles –destacou a presidenta Carmela Silva-. Antes de que comece o ano 2023 estamos xa a poñer recursos a disposición dos concellos”. 

 Para o Concello de Oia, apróbanse por parte da Deputación de Pontevedra un total de 107.070 euros para a contratación de 8 persoas para desenvolver tarefas de albanelería, traballos forestais e operar maquinaria no termo municipal. 

 Desde 2016, ano no que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha o Plan Concellos, distribuíronse máis de 340,7 millóns de euros entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. No caso concreto do emprego, achegáronse aos concellos preto  de 70 millóns de euros a través da liña 3 que permitiron crear 7.007 postos de traballo nos servizos municipais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario