15 de nov. de 2022

VIGO

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ELEVA UN 67% OS FONDOS PARA VISIBILIZAR ÁS MULLERES ARTISTAS NO MUSEO MARCO, QUE ALCANZARÁN OS 100.000 EUROS EN 2023 

 A institución aumenta en 40.000 euros a contía, destinada á organización de exposicións temporais, visitas guiadas e actividades complementarias 




Infogauda / Vigo 

 O apoio económico da Deputación de Pontevedra para visibilizar a obra de mulleres artistas no MARCO de Vigo, ademais de contribuír á educación en materia de igualdade a través da actividade do museo, experimentará un importante aumento en 2023. A institución provincial destinará 100.000 euros a estes fins e eleva así nun 67% a cantidade consignada en 2022, que á súa vez xa se incrementara en 10.000 euros respecto á aportación de 2021. Deste xeito a Deputación mantén a súa aposta pola promoción das artistas, contribuíndo a divulgar as súas creacións e propiciando a organización de visitas  e un abano de actividades complementarias para a poboación xeral e a comunidade escolar. 

 A Deputación apoia ao MARCO como un dos grandes referentes da cultura na provincia e en Galicia. A súa programación é un potente escaparate para mostrar o traballo de creadoras eloxiadas pola crítica especializada pero non sempre coñecidas polo público ante as dificultades para expoñer en grandes espazos. A institución provincial ten un compromiso de colaboración estable co museo vigués desde 2020, cando asinou un convenio co Concello de Vigo por importe de 50.000 euros para programar exposicións, actividades paralelas, visitas guiadas abertas ao público en xeral, publicación de materiai,s e outras finalidades como a adquisición de obra de artistas. Estas accións teñen como eixo común a promoción de mulleres artistas.  

 O acordo renovouse en 2021 pola mesma cantidade mentres que este ano aumentou un 20%, ata os 60.000 euros. Ás exposicións temporais e as visitas guiadas sumouse unha programación para escolares e persoas con necesidades específicas, así como obradoiros infantís en torno ao traballo das creadoras.  Ademais, a aportación abarcou as mostras bibliográficas e documentais, con selección de catálogos e publicacións, que a Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO presentou en paralelo ás exposicións.  

 O novo crecemento para 2023 supón un salto cualitativo que permitirá reforzar a programación expositiva das artistas e as accións complementarias. O museo establecerá ás accións a incluír nesta nova aposta da Deputación de Pontevedra pola igualdade e a cultura con nome de muller.

Ningún comentario:

Publicar un comentario