8 de nov. de 2022

TOMIÑO

O Outono de libros baixa o pano coa ópera prima do escritor tudense Emilio Estévez  

 O autor presentará este venres 11, ás 20:00 h., no Mercado de Tomiño, o seu libro ‘El Báculo de San Epitacio. Susana, Susana...’, a súa primeira incursión no panorama narrativo de aventuras 

 



Infogauda / Tomiño

 Tras seis semanas achegando á veciñanza a literatura de autores e autoras da comarca, o Outono de libros do Concello de Tomiño baixará o pano cunha presentación moi especial, a da ópera prima do tudense Emilio Estévez, ‘El Báculo de San Epitacio. Susana, Susana...’. Nunha charla amable, amena e aberta a todos os públicos, o escritor descubrirá ao público a historia que se agocha detrás da súa primeira novela, coa que debuta no panorama narrativo de aventuras.  

 A presentación será este venres día 11 de novembro, ás 20:00 horas, no Mercado de Tomiño, con entrada de balde e libre, ata completar aforo.

 Ambientada principalmente en Tui, cunha prosa áxil e cun ritmo imparable, Estévez mergúllanos na historia de Susana, unha moza nada no País Vasco que ordena e organiza minuciosamente o seu presente e o seu futuro nunha época de reinicio e cambios, o verán de 1999, co novo milenio chamando á porta. Non obstante, o pasado sae ao seu encontro nunha viaxe á histórica cidade tudense, ao finisterrae románico, na procura das orixes da súa defunta nai que lle cambiará a vida para sempre. Con esta historia de fondo, os e as lectores poderán gozar dunha novela que cabalga entre o xénero de aventuras e a novela histórica, sen desatender os aspectos máis profundos da natureza humana. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida a toda a veciñanza a desfrutar da presentación do libro de Emilio Estévez ao abeiro dun programa co que dende o Concello se buscaba “descubrir aos tomiñeses e tomiñesas ás e aos escritores que teñen ao seu carón e dar visibilidade á creación literaria en todos os xéneros e a calquera idade”. 

 Natural de Tui, Emilio Estévez Martínez é enxeñeiro industrial de profesión, doutor en matemática aplicada e profesor universitario. A súa carreira profesional desenvolveuse ocupando cargos de responsabilidade en empresas e organizacións empresariais, como Coplant, a principal distribuidora de planta ornamental de Galicia e das máis importantes a nivel estatal, da que é xerente. Coa chegada da pandemia, Estévez decidiu explorar unha inquedanza que tiña dende tempo atrás e comezou a dar forma a unha historia que percorre escenarios de ficción nunha aventura trepidante na que o lector e a lectora poderán atopar certos matices autobiográficos. O autor xa está a traballar na súa segunda novela. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario