As socialistas de Tomiño presentaron enmendas ós orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2023
• Cualifican de maltrato para Tomiño, que cunha poboación de máis de 14.000 habitantes, teña unha consignación no mencionado orzamento de 0 (cero) euros.
Infogauda Tomiño
Violeta de Santiago e Mirta Misa, concelleiras do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño, cualifican de "maltrato para Tomiño, que cunha poboación de máis de 14.000 habitantes, teña unha consignación nos orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2023, de 0 (cero) euros".
"Ante este maltrato da Xunta ao noso Concello, solicitamos a través das enmendas que se invista xa no colector xeral de Sobrada, unha obra imprescindible para poder acometer o saneamento da zona norte de Tomiño, pois os veciños e veciñas van moi fartos de tanto esperar", afirma Violeta de Santiago.
Asemade, esixen "que se finalice o proceso de concentración parcelaria que afecta a Estás-Figueiró-Goián dende hai máis de 25 anos", e cualifican de "inconcebible que aínda siga sin pecharse este proceso no que todo é un absoluto despropósito, tanto na zona dos Panascos, cos títulos entregados, como na zona de arriba que seguimos padecendo a espera da finalización. E agora, por si fóra pouco o que afecta ás veciñas e veciños, pretenden crear un polígono agroforestal. Un polígono do que descoñecemos quen o solicitou, como e a quen vai a beneficiar, a que vai a estar destinado nin cal será a afectación medioambiental".
As socialistas tamén presentaron enmenda para "a ampliación do IES Antón Alonso Ríos, que aínda que parece inminente a súa execución, non aparece partida ningunha no documento oficial".
"O polígono industrial e o remate da Vía de Altas Prestacións (VAP)" tamén son esixencias que instan "á Xunta a acometer, pois son demandas imprescindibles para o progreso de Tomiño".
"A creación dun Centro de Información á Muller (CIM), o acondicionamento dos espazos comúns no Centro de Saúde coa construcción dun voadizo exterior para a recepción de doentes, o acondicionamento térmico do edificio da Galiña Azul, de Goián", son, entre outras, demandas das socialistas.
"Non estamos a pedir luxos. Pedimos medidas e investimentos concretos para o progreso da nosa terra. O orzamento medra un 8'5%, xestiona máis de 12.600 euros e o Concello de Tomiño recibe 0 euros. Absolutamente inasumible", manifesta a voceira Violeta de Santiago.
Ningún comentario:
Publicar un comentario