25 de nov. de 2022

SANTIAGO DE COMPOSTELA

O certame premia a investigación en “Enfermidades valvulares cardíacas”    

O Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía chega á súa cuarta edición  

O galardón está dotado con 30.000 euros tras incrementar a súa contía un 50% na pasada edición a pedimento do seu mecenas, o empresario Ramiro Carregal  

Poderán presentarse candidaturas ata o 31 de xaneiro de 2023 a través da páxina web do premio, onde se poden consultar bases e toda a información do mesmo   


Nas imaxes, dous momentos da gala de entrega de premios da edición precedente

Teresa Rocamonde / Santiago de Compostela

 Desde esta semana e ata o próximo 31 de xaneiro está aberto o prazo para presentar candidaturas á cuarta edición del Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía dotado con 30.000 euros e galardón acreditativo. A contía do premio aumentou un 50% na pasada edición a pedimento do propio mecenas, o empresario galego Ramiro Carregal, como un “recoñecemento e un apoio explícito á sanidade, á investigación e aos profesionais que se dedican a coidar do ben máis prezado que temos: a saúde”.  

 O presidente de Frinsa quixo, con ese xesto, reafirmar o seu “incondicional apoio á sanidade e aos seus profesionais” que no ano 2018 leváronlle a crear este Premio Internacional conxuntamente cos responsables da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, os doutores Eloína Núñez e José Ramón González Juanatey. Foi o xefe do Servizo de Cardioloxía do CHUS quen optou por centrar o galardón na investigación de mellores tratamentos para as patoloxías que afectan as válvulas cardíacas. 

 E é que o galardón está destinado especificamente á investigación, tanto no seu ámbito básico como clínico, das “Enfermidades valvulares cardíacas”, que supoñen a terceira causa de enfermidade cardíaca na nosa contorna e cuxa incidencia podería ir a máis debido a que se trata de patoloxías moi ligadas ao envellecemento e, por tanto, representan “un auténtico problema de saúde” na nosa sociedade, explica o Dr. González Juanatey, un dos cardiólogos máis respectados e influentes no ámbito nacional e internacional.  

 Os investigadores interesados en presentarse a esta nova edición do Premio terán que cubrir os modelos de solicitude dispoñibles na páxina web do mesmo, premioramirocarregal.com/cardiologia. Trátase dun documento explicando o proxecto e outro co CV resumido do investigador principal e/o grupo de investigación, ademais dunha declaración escrita comprometéndose a recoller o galardón persoalmente en caso de resultar premiado. 

 As propostas, que deben ser orixinais e ter un carácter claramente innovador e aplicado poderán presentarse ata o próximo 31 de xaneiro de 2023 directamente a través da citada web do Premio, ao Apartado de Correos 50 de Santiago de Compostela ou no correo electrónico: cardiologia@premioramirocarregal.com.  

Edicións anteriores 

 O traballo que resulte gañador desta cuarta edición sumarase aos tres anteriores que supuxeron un importante avance no ámbito da investigación das patoloxías e tratamentos destinados ás válvulas cardíacas, como son “Impacto prognóstico da amiloidosis cardíaca en pacientes con estenosis aórtica severa sometidos a implante percutáneo de válvula aórtica” do equipo liderado por Diego López Otero; “Mellora continua da calidade na xestión integral do proceso de estenosis aórtica sintomática” do Dr. Carlos Pena Gil e “Diferenzas no impacto prognóstico e predictores do desenvolvemento de fibrilación auricular en pacientes con estenosis aórtica severa remitidos a recambio valvular aórtico cirúrxico ou percutáneo” do grupo liderado polo Dr. Moisés Rodríguez-Mañero

Ningún comentario:

Publicar un comentario