10 de nov. de 2022

OIA

A Xunta de Galicia e o Concello de Oia reúnense para impulsar a tramitación da modificación puntual urbanística que permitirá recuperar o mosteiro  

 A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo mantivo unha xuntanza esta mañá coa alcaldesa e varios técnicos municipais 

 Encarnación Rivas informou dos pasos urbanísticos e ambientais a seguir co fin de axilizar a aprobación dos cambios nas normas subsidiarias que rexen neste concello 


A Xunta de Galicia e o Concello de Oia reuníronse esta mañá
Foto: X.G.

Infogauda / Oia

 A Xunta de Galicia e o Concello de Oia reuníronse esta mañá co fin de analizar a situación actual da modificación urbanística promovida polo Goberno local para permitir a recuperación do Real Mosteiro de Oia e tratar de impulsar a súa tramitación nos vindeiros meses.

 A tal fin, a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, trasladoulle á alcaldesa, Cristina Correa, ao propietario do Mosteiro de Oia, Juan Martínez, e aos técnicos municipais que os acompañaron durante a xuntanza cales son os principais pasos a seguir tanto desde o punto de vista urbanístico como ambiental para poder avanzar cara á aprobación definitiva dos cambios propostos nas Normas Subsidiarias que rexen neste concello desde o ano 1996.

 Así mesmo, Rivas púxose á disposición do concello para resolver calquera posible dúbida que poida xurdir a partir de agora con relación a esta modificación urbanística, así como para colaborar na medida do posible co fin de contribuír a axilizar os trámites dependentes do seu departamento.

 Cómpre subliñar que os cambios normativos que quere acometer o Concello teñen como obxectivo, entre outras cuestións, dar amparo urbanístico ao proxecto de recuperación do Real Mosteiro de Oia, unha construción que data do século XII e foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 1931.

 Pertencente á época cisterciense, trátase dun conxunto arquitectónico cun gran valor histórico e patrimonial, de aí o interese municipal por facilitar un encaixe normativo axeitado para o proxecto, que prevé rehabilitar o mosteiro e tamén a súa contorna.

Ningún comentario:

Publicar un comentario