10 de nov. de 2022

O ROSAL

O ROSAL PECHARÁ AS SÚAS XORNADAS DE PATRIMONIO ACHEGÁNDOSE A UNHA DAS MINAS ROMANAS SUBTERRÁNEAS MÁIS GRANDES DE GALICIA 

 Este sábado 12 de novembro o Centro Social Polivalente acollerá unha charla do xeólogo Óscar Pazos sobre a mina galaico-romana de ouro das Bornas  


Paraxe onde está o conxunto mineiro de As Bornas (O Rosal)
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal pechará esta fin de semana a segunda edición das súas Xornadas de Patrimonio, unha serie de actividades gratuítas para todos os públicos levadas a cabo durante os meses de outubro e novembro “para dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio material e inmaterial rosaleiro e do Baixo Miño”, como explica a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís.  

 Estas xornadas baixarán o pano achegándose á que é unha das minas romanas subterráneas máis grandes de Galicia, á das Bornas, en Tabagón. Así, este sábado 12 de novembro o xeólogo Óscar Pazos falará ao público asistente da mina galaico-romana de ouro das Bornas, un patrimonio de máis de dous mil anos de antigüidade, cunha extensa rede que o propio Pazos sacou á luz estudando a zona tras a localización de novos pozos durante os labores de limpeza dos comuneiros de San Miguel e Pías. A aparición de varios dos principais foxos mineiros da Borna Grande permitiu facer unha exploración do seu interior mediante xeofísica de resistividade e coñecer un pouco máis sobre o interior desta mina de ouro con labouras subterráneas que alcanzan cando menos os 25 ou 30 metros de profundidade, o que a converte nunha das minas subterráneas máis grandes das coñecidas en Galicia.  

 Óscar Pazos Rodríguez, xeólogo dende 1992, comezou a investigar a minaría galaico-romana de ouro por casualidade e xa leva unha década afondando nela. En 2018 publicou o libro ‘A invención da Gallaecia e a minaría de ouro’, do que agora está a escribir unha nova edición. Ademais, tamén presenta os novos achados en congresos e publicacións especializadas, aínda que o que máis lle gusta é facer andainas polas minas para ensinarllas á veciñanza e ás persoas interesadas no patrimonio e na historia do Rosal.  

 A charla será no Centro Social Polivalente ás 11.00 horas e, tras ela, ás 12.00 horas, organizarase unha visita guiada á mina romana da Borna. A alcaldesa convida a toda a veciñanza “a participar nesta nova actividade dunhas xornadas que buscan achegar a todos os rosaleiros e rosaleiras a aspectos fundamentais para coñecer, entender e valorar como é o noso concello hoxe en día”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario