11 de nov. de 2022

GONDOMAR

Cinco finalistas optan ao XIV Premio de Poesía Victoriano Taibo


Victoriano Taibo xunto a Celso Emilio Ferreiro
Cedida

IEM / Gondomar

 O xurado da XIV edición do certame poético que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia, reuniuse o pasado día 5 de novembro e, de entre as 45 obras presentadas, elexiu como finalistas os seguintes poemarios listados en orde alfabética:  

831-urb  

As palabras do sur  

Para a misa do can esta torsión  

Porque a noite é longa e é a noite  

Xeración (Breve tratado de males inespecíficos)  

 O título e autoría da obra gañadora darase a coñecer nos próximos días e será publicada na colección Dombate da Editorial Galaxia, arredor do mes de marzo, cando se celebre o acto de entrega do premio nunha data aínda por confirmar, pero que será arredor do día 13, cabodano do pasamento do poeta Victoriano Taibo.  

 A organización quere destacar a boa saúde do Premio de Poesía Victoriano Taibo que, grazas ao apoio do Concello de Gondomar, é xa o de maior dotación dos que se convocan na provincia. Cabe destacar que coa introdución no último ano do convenio coa Editorial Galaxia o nome de Victoriano Taibo e o premio de poesía que o conmemora incrementou considerablemente a súa repercusión a nivel nacional, estatal e incluso internacional.


 Antese, libro gañador do Premio no ano 2021, en Rio de Janeiro

Ningún comentario:

Publicar un comentario